Rubén Arroxo visita a rúa Gallego Tato, onde o goberno de Lugo está a actuar para “mostrar o modelo que defendemos para as contornas escolares”
O Goberno de Lugo puxo en marcha a peonalización desta rúa, “onde se ubica o centro de ensino con máis estudantes de Lugo”
Trátase dunha zona importante da cidade onde conflúen instalacións deportivas, centros de ensino, zonas verdes e o Centro Social da Piringalla
Lugo, 30 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo visitou a rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, onde avanzan a bo ritmo os traballos de peonalización postos en marcha polo Goberno de Lugo, e que continuarán a avanzar na renovación das contornas escolares. Arroxo afirmou que “xa podemos ver o cambio desta rúa, un novo espazo peonil na Piringalla que se converterá nunha das zonas máis destacadas do barrio”
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.
Con esta actuación crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán. O proxecto de obra define a nova zona como oasis no tecido urbano, dado que propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.
Arroxo destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”, e engadiu “comezamos o mandato realizando actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que parte do no colexio Luís Pimentel e que iremos expandindo ao resto de zonas escolares”.