O PORTAVOZ DO BNG ANUNCIOU DIVERSOS PUNTOS ACORDADOS HOXE NA XUNTA DE GOBERNO, COMO O CONVENIO ENTRE O CONCELLO E A CRUZ VERMELLA E A LICITACIÓN DA NOVA PASARELA DO CARRIL DAS FLORES
Rubén Arroxo: "a Xunta segue a aportar só 25.000€ ao San Froilán, cando se trata de investir en Lugo o PP segue a estratexia de canto peor, mellor"
Lugo, 06 de agosto de 2025. O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, criticou que "un ano máis" a Xunta de Galiza só aporte 25.000€ ao San Froilán. Arroxo anunciou que o Concello de Lugo aprobou na Xunta de Goberno celebrada hoxe o convenio entre o Concello, Abanca, que aporta 10.000€ e a Xunta, "un convenio que converte á Xunta de Galiza no patrocinador institucional máis pequeno da gran festa do outono galego por moita diferencia". Arroxo afirmou que isto é "un menosprezo por parte da Xunta a Lugo, unha cantidade insuficiente que demostra o castigo ao que o PP somete á nosa cidade".
O portavoz do BNG, en resposta ás preguntas dos medios de comunicación, criticou os investimentos do Partido Popular desde o Goberno da Xunta de Galiza na cidade de Lugo. "A verdade é que para o PP, canto peor, mellor", afirmou Arroxo, que dixo "en vez de criticar, o que deberían facer é aportar máis diñeiro para os San Froilán e resolver as débedas que teñen con Lugo: como o Barrio da Tinería, o cuartel de San Fernando, ou tantas outras débedas sen resolver"
"Hoxe vemos que abren os aparcadoiros do IES Ollos Grandes despois de anos anos pedindo que se abran", afirmou Arroxo, que destacou que estes estacionamentos eran públicos hai 15 anos. "Pecháronos un día e non os volveron abrir, e despois de tantos anos darlle a un botón para levantar a barreira foi un longo proceso". "Eu creo que o PP debería deixar de castigar a Lugo, en vez de criticar sempre o que se fai", explicou Arroxo.
Asuntos da Xunta de Goberno
Rubén Arroxo anunciou a aprobación da subvención nominativa á entidade Club Vermella Española para o exercicio 2025. O convenio aprobado inclúe un proxecto chamado “Creando redes de barrio”, co que se realizarán accións formativas dirixidas ás asociacións veciñais. Os obxectivos son facilitar o contacto entre veciños e veciñas, promover actividades xeracionais, axudar a combater a soidade non desexada, impulsar o desenvolvemento persoal e colectivo, e fomentar a participación cidadá. Esta é unha subvención nominativa que consta de 10.000 euros. Serán 28 cursos e actividades formativas cunha duración aproximada de 115 horas.
Aprobouse tamén a apertura do procedemento de licitación do proxecto da demolición da plataforma que hai enriba do Carril das Flores e a execución dunha nova pasarela. "Unha pasarela que non ten nada que ver coas dimensións da anterior, como explicabamos a semana pasada, vai ser unha pasarela reducida que vai permitir que entre a luz na parte de abaixo", explicou Arroxo. A demolición tamén inclúe os muros nos que está apoiada a plataforma para deixar á vista o antigo muro de pedra, gañando amplitude. "Polo tanto, é unha intervención total nese espazo", dixo. Ten un orzamento de licitación de 371.046,91 euros e un prazo de execución de 7 meses. "Como tamén explicabamos, son dous proxectos diferentes: un é a demolición da plataforma e outro é a obra de humanización do Carril das Flores, que probablemente se inicie na seguinte sesión", afirmou Arroxo.
Por último, a sesión de hoxe da Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato de deseño, maquetación e impresión para a publicación da revista Xistral e o libro San Froilán dos Devanceiros. Tras a renuncia da anterior empresa adxudicataria, hoxe aprobouse a resolución do contrato, polo que o Concello incauta a fianza de 188,57 euros e volve iniciar o procedemento de licitación deste contrato, agora por 5.961,54 euros.