SABELA PÉREZ MARTÍNEZ SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BECERREÁ POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS

SABELA PÉREZ MARTÍNEZ SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BECERREÁ POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS

Sabela Pérez BECERREÁ - copia“Transparencia, traballo, honradez e ilusión son as máximas coas que desde o BNG-AA traballaremos para construír entre todas e todos unha Becerreá mellor” sinalou a candidata.

Para a nacionalista “urxe dinamizar e democratizar a vida do concello. No BNG-Asembleas Abertas queremos un Concello vivo, que poña en valor as súas múltiples potencialidades. En definitiva, unha Becerreá con futuro”

Becerreá, 19 de abril de 2015.Sabela Pérez Martínez, de 49 anos de idade, será a candidata á Alcaldía do Concello de Becerreá polo BNG – Asembleas Abertas nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. Mestra de ensino secundario e natural de Becerreá formou parte de candidaturas do BNG anteriormente mais, sinala, “desta vez dou o paso de ser candidata á Alcaldía do meu Concello co convencemento de que fai falla un cambio urxente en Becerreá”.

Sabela Pérez Martínez anunciou que o programa do BNG-AA xirará entorno “á democratización do Concello” para “abrilo ás veciñas e veciños e para rematar coa falla de trasparencia que sofrimos a diario”. “Transparencia, traballo, honradez e ilusión son as máximas coas que desde o BNG-AA traballaremos para construír entre todas e todos unha Becerreá mellor” engadiu.

A candidata nacionalista salientou que, “dende o BNG – AA loitaremos para que todas as xestións que leva a cabo o Concello sexan claras e transparentes”. “Apostamos por outro xeito de gobernar, baseado no traballo, na seriedade e no respeto rigoroso á democracia” expuxo.

Construír unha Becerreá con futuro da man do BNG-AA.

Pérez Martínez sinalou tamén que “urxe dinamizar e democratizar a vida do concello. No BNG-Asembleas Abertas queremos un Concello vivo, que poña en valor as súas múltiples potencialidades, que aposte polos nosos sectores produtivos, o noso comercio local. Unha Becerreá da que as nosas mozos e mozos non teñan que marchar para atopar un traballo digno. Que poña en valor a nosa riqueza paisaxística e medioambiental. En definitiva, construír unha Becerreá con futuro, ese é único interese que move á equipa que formamos o BNG-Asembleas Abertas.”

Unha campaña electoral “porta a porta” para escoitar as propostas das veciñas e veciños de Becerreá

A nacionalista agradeceu o apoio das compañeiras e compañeiros do BNG-AA que confiaron nela para encabezar esta candidatura ás vindeiras Eleccións Municipais, facendo especial mención a Ovidio Montaña Regueiro, quen a precedeu na representación do BNG en Becerreá.

Pérez Martínez sinalou tamén que “afronto estas vindeiras eleccións con ilusión e co convencemento de que é moi necesario un cambio en Becerreá, un cambio que só pode vir da man do BNG-AA”. Así mesmo, adiantou que o BNG-AA “levará a cabo unha campaña electoral moi activa, porta a porta, falando con todas as veciñas e veciños de Becerreá para escoitalos e trasladarlles as nosas propostas”.

SABELA PÉREZ MARTÍNEZ SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BECERREÁ POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS