A COMISIÓN DE FESTAS REUNIRASE O VINDEIRO MÉRCORES PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DE CARA AO SAN FROILÁN
O San Froilán 2020 non será unha festa, senón unha semana de actividades culturais nos barrios
As distintas actividades desenvolveranse “con todas as garantías sanitarias, da mesma maneira que os eventos culturais que se realizaron estes meses como Tarde e tardiña e O que queda de verán”
Lugo, 17 de setembro de 2020. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que a vindeira semana se reunirá a Comisión de Festas, na que están representados todos os grupos da Corporación Municipal, para, “segundo cal sexa a situación sanitaria no momento, avanzar na continuación das actividades programadas para a semana do San Froilán”, segundo declarou Maite Ferreiro. “Este ano o San Froilán non será unha festa, senón unha semana de eventos culturais nos distintos barrios de Lugo”, declarou Maite Ferreiro.
“Todos os actos desta semana de actividades culturais cumprirán con todos os protocolos emitidos polas autoridades sanitarias para evitar posibles contaxios”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “da mesma maneira que se vén facendo con todas as actividades culturais desde a fin do confinamento, os espazos dos concertos estarán valados e será preciso retirar, previamente e de maneira gratuíta, unha entrada”. Ademais, as persoas asistentes deberán manterse sentadas no asento asignado para garantir a separación de 1,5 metros entre persoas.
Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura mantemos o noso compromiso con todo o tecido cultural de Lugo para manter os actos culturais, mais sempre tendo en conta o desenvolvemento da situación sanitaria e a seguridade das veciñas e veciños de Lugo durante a semana de actividades”.