PARA O BNG “NON SE TRATA DE FACER EDIFICIOS TRÁTASE DE TER UN BON SERVIZO FERROVIARIO E AO MELLOR HAI QUE ANALIZAR SE AS INFRAESTRUTURAS PODEN SOPORTALOS”
Soporta a Ponte da Chanca o tránsito ferroviario para darlle vida á Intermodal?
Rubén Arroxo lamentou que “no acto do pasado día 4, no que interveu o Ministro e responsables do ADIF, non se permitisen preguntas que resultaría clarificadoras”
Lugo, 6 de marzo de 2019. O voceiro do BNG no concello de Lugo lanzou esta mesma mañá a pregunta que non lle puido facer ao Ministro de Fomento nin a responsables do ADIF no acto do pasado luns. “Acudimos ao acto para coñecer un proxecto, e o único que se nos presentou foi un anteproxecto e xa se advertiu que os detalles arquitectónicos non eran definitivos, que era unha simulación” dixo Arroxo.
“Gustaríanos terlle preguntado ao Ministro de Fomento, ou aos responsables do ADIF, se a Ponte da Chanca pode soportar a carga da colocación de catenarias para a electrificación das vías e se pode soportar a circulación de trens da alta velocidade” explicou Arroxo. Para o voceiro do BNG “non se trata de facer edificios trátase de ter un bon servizo ferroviario e ao mellor hai que analizar se as infraestruturas poden soportalos”.
Arroxo sinalou que “non ter en conta a Ponte da Chanca é mirar para outro lado e gustaríanos que, dende o Ministerio, se informara de cales son as solucións posibles”. Se non se da unha alternativa, a Ponte de Chanca obrigaría a ter unha única vía compartida para todos os trens, pasaxeiros, convencional e alta velocidade, e tamén as mercadoría. Ademais sería imposible desdobrar as vías e non se podería achegar un ferrocarril de altas prestacións a Lugo.