A Tenencia de Alcaldía activa a renovación do alumeado público nas Gándaras, incluíndo o campo de fútbol
Rubén Arroxo: "melloramos a rede de alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero e atendendo ás demandas veciñais"
Substituiranse as luminarias actuais de vapor de sodio cun consumo de 70W por farolas LED de 30W
Lugo, 12 de febreiro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezará a renovación integral do alumeado público na zona das Gándaras. Arroxo afirmou que "continuamos a traballar na renovación da rede de alumeado público de Lugo, instalando luminarias LED de baixo consumo que permiten unha boa calidade lumínica con menor consumo enerxético", e engadiu “renovarase tamén o alumeado do campo de fútbol, atendendo a unha demanda das e dos usuarios”.
A actuación consitirá na renovación das luminarias instaladas actualmente no barrio, retirando as luminarias de vapor de sodio que contan cun consumo de 70W por farolas LED de 30W, para, segundo declarou Rubén Arroxo, “reducir o consumo enerxético ao tempo que melloramos a calidade do alumeado, eliminando zonas escuras e garantindo un alumeado uniforme en todo o barrio”.
O Tenente Alcalde anunciou que o persoal técnico está a estudar tamén a renovación do alumeado da calzada das Gándaras, a rúa principal do barrio, “que, debido ao volume de tráfico, require de maior planificación que as rúas adxacentes”.
Rubén Arroxo incidiu na necesidade de "seguir traballando na renovación das luminarias nas principais rúas da cidade e nos barrios para acadar unha maior luminosidade e eficiencia". Coa actuación presentada hoxe continuarase coa renovación e instalación das instalacións alumeado público exterior que se está a facer en toda a cidade.