MAITE FERREIRO E CRISTINA LÓPEZ, XUNTO CON REPRESENTANTES DA FECYT E INTEGRANTES DO GRUPO XUVENLAB DA USC, PRESENTARON A INICIATIVA QUE CHEGA O VINDEIRO XOVES AO COLEXIO E Á FEIRA DE NADELA
A Tenencia de Alcaldía apoia os obradoiros de divulgación "Ciencia á Feira", que achegan á veciñanza a labor investigadora do Campus Terra

Maite Ferreiro e Cristina López, xunto con representantes da FECYT e integrantes do grupo XuvenLab da USC, presentaron a iniciativa que chega o vindeiro xoves ao colexio e á feira de Nadela
Ciencia á Feira aborda na súa segunda edición a resistencia a superbacterias, o valor do monte comunal, o impacto económico das velutinas e os bosques como sumidoiros de carbono
Ferreiro destacou a importancia "de achegar a ciencia á veciñanza con actividades que amosan o importante traballo do Campus de Lugo"
Lugo, 25 de febreiro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada pola edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, presentaron as actividades do programa "ciencia á feira" que desenvolverá o grupo XuvenLAB da USC e que contan co apoio da Tenencia de Alcaldía. Ferreiro estivo acompañada na presentación por representantes da FECYT, patrocinadora do programa, e por representantes do grupo liderados por Ana Cabana.
Maite Ferreiro destacou a importancia do Campus de Lugo, e afirmou que "un ano máis, desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera". As actividades de "ciencia á feira" celebraranse en Lugo este xoves, 27 de febreiro na Feira de Nadela e no Colexio, amosando a todas as persoas que se acheguen unha serie de obradoiros e demostracións arredor da importancia dos montes comunais.
Ciencia á Feira propón 4 actividades para o curso 2024/2025, que versan arredor da resistencia a superbacterias, a singularidade do monte veciñal en man común, o impacto sobre a economía das velutinas e as posibilidades de negocio dos bosques como sumidoiros de carbono son as novas liñas temáticas. O equipo de XuvenCiencia aproveitará un curso máis as feiras e mercados tradicionais para divulgar e visitará centros escolares de oito municipios: A Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Lugo (Nadela), Melide, Palas de Rei e Triacastela.
As catro liñas temáticas están escolmadas de entre algúns dos ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven desde o Campus Terra. Ao mesmo tempo, resultan relevantes no contexto actual no que se constitúe coma un reto dos máis urxentes a procura dun modelo produtivo e económico que garanta tanto a provisión segura de alimentos como a saúde das persoas e dos animais e a preservación dos valores ambientais e culturais da nosa contorna.
Maite Ferreiro valorou "o interese destas actividades que divulgan coñecementos cunha aplicación inmediata na vida cotiá e que, máis aló diso, trasladan a importancia do coñecemento científico e da labor investigadora para a sociedade en xeral, poñendo en valor especilamente o traballo das investigadoras no Campus Terra que están detrás desta iniciativa".