RUBÉN ARROXO: "SEGUIMOS TRABALLANDO PARA ELIMINAR SEMÁFOROS, AUMENTAR A SEGURIDADE DO TRÁFICO E MELLORAR A MOBILIDADE EN LUGO"

A Tenencia de Alcaldía construirá unha nova rotonda entre Afonso X O Sabio e a Ronla de Fingoi que mellorará a fluidez do tráfico

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a renovación do firme da rúa Agricultura, no Ceao, e a renovación do Carril das Flores "para que a humanización tanto da pasarela como da rúa avancen ao mesmo tempo"

A Tenencia de Alcaldía construirá unha nova rotonda entre Afonso X O Sabio e a Ronla de Fingoi que mellorará a fluidez do tráfico

Lugo, 13 de agosto de 2025. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade, anunciou que a Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou a adxudicación da obra para a construción dunha nova rotonda na intersección entre Afonso X O Sabio e a Rolda de Fingoi, adxudicada a Ovisa cun orzamento de 183.557€ euros e un prazo de execución de tres meses. Rubén Arroxo explicou que "esta actuación busca de mellorar unha intersección que actualmente está regulada por semáforos, e que facilitará que o tráfico circule de xeito máis fluído e con maior seguridade".

A intersección da rúa Alfonso X coa Rolda de Fingoi é na actualidade un cruce regulado por semáforos no que conflúen viais de similar intensidade de tráfico. No aspecto visual é un espazo espido, en contraste co bulevar da Rolda de Fingoi, e de dimensións demasiado altas para ó tráfico que soporta.  Coa mellora da intersección preténdese acadar unha mellora tanto funcional como estética e de integración na contorna, mellorando a seguridade da intersección viaria ó mesmo tempo que se reducen os tempos de espera.

Con esta actuación, o Goberno de Lugo busca eliminar os semáforos creando unha rotonda axardinada, e redeseñando as entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa. Adaptarase o alumeado ó novo deseño, avanzando na implantación de alumeado LED e modificarase a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da intersección. 

Por outra banda, Arroxo anunciou a aprobación da renovación do asfalto na rúa da Agricultura, no polígono do Ceao, cun orzamento de 143.320,20€ e un prazo de execución de 12 semanas. Os traballos, que foron adxudicados a Francisco Gómez y Cía SL, inclúen a eliminación da tubaxe de fibrocemento, instalando nova tubaxe de fundición dúctil, ademais da renovación da capa de rodadura con asfalto en quente, mantendo a cota actual do pavimento. Renovarase tamén a sinalización horizontal.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a apertura do procedemento de licitación da humanización do Carril das Flores, despois de iniciarse a semana pasada o procedemento da pasarela. Arroxo afirmou que a intención da Tenencia de Alcaldía é "que ambas actuacións se executen simultáneamente e que a transformación desta zona se complete o antes posible".

O Carril das Flores converterase nunha plataforma única con zonas de tránsito peonil e para os vehículos que saian do aparcamento ben diferenciadas. O pavimento será de formigón e a nova rúa contará con espazos axardinados e bancos. Renovarase todo o alumeado da vía, soterrando as canalizacións e ampliando a rede "para eliminar por completo as zonas escuras". Para esta vía reutilizaranse as columnas de alumeado de fundición que se recuperaron do casco histórico, "dando unha mellor imaxe á contorna e avanzando na implantación de alumeado LED", explicou Rubén Arroxo.

Renovarase tamén o sistema de drenaxe, instalando unha canaleta lonxitudinal que recolla toda a auga superficial da calzada, dado que a pendente da zona non permite a colocación de drenaxe oculta. Ademais, renovaranse as canalizacións de saneamento e a rede de abastecemento, onde se elimina o PVC e se instalará fundición dúctil con novas bocas de rego e incendio, ademais de rego automaático nas zonas verdes proxectadas.

Esta actuación sairá a licitación cun orzamento máximo 777.931,60€ e un prazo de execución de 10 meses. Rubén Arroxo destacou que esta actuación permitirá avanzar no concepto de cidade dos 5 minutos, "unha cidade na que calquera persoa, independentemente de onde resida, teña amenos de 5 minutos unha zona de estar ao aire libre". Ademais, esta actuación permitirá "dar un gran paso adiante" na creación do corredor peonil leste-oeste da cidade. "Un gran paseo peonil que une o barrio de Fontiñas co Río", explicou Arroxo, que lembrou que este percorrido nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores, continuaría pola Mosqueira, continuando pola Ronda da Muralla entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros. O percorrido continuaría ou atravesando o barrio de Recatelo, ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, "e aquí teriamos a futura pasarela que nos permitiría cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela, tamén por un espazo peonil", dixo Arroxo.

A Tenencia de Alcaldía construirá unha nova rotonda entre Afonso X O Sabio e a Ronla de Fingoi que mellorará a fluidez do tráfico