O BNG da Fonsagrada rexeita o parque eólico Muracais. Non imos permitir un modelo depredador do territorio

Un modelo eólico depredador, promovido polo PP desde a Xunta e co beneplácito do PSOE no goberno Estatal,sen retorno real para a poboación local, sen control ambiental e sen participación veciñal.

O BNG da Fonsagrada rexeita o parque eólico Muracais. Non imos permitir un modelo depredador do territorio

A Fonsagrada, 13 de Agosto de 2025.- Desde o Bloque Nacionalista Galego da Fonsagrada queremos denunciar publicamente o proxecto do parque eólico Muracais, promovido pola empresa "Antila Solar SLU", que supón unha nova ameaza directa sobre o noso territorio, a nosa veciñanza e o futuro do medio rural.

O parque Muracais contempla a instalación de aeroxeradores de gran potencia en zonas de alto valor natural e paisaxístico, afectando directamente a núcleos de A Pobra de Burón, Carracedo, Mourisco, Castañoso, Pacios, Peizais, Xestoso de Riba, San Pedro de Neiro, A Fonsagrada, Xestoso de Baxo, Paradanova, Lidín, Candaído, Vilarello, Queixoiro, Vilarchao, Barbeitos, Silvela e Vilarmeán.. Tamén se prevé unha extensa liña de evacuación que atravesa lugares como O Piñeiral, Vilardongo, Pedrafitelas, Pedrouzos, Cerredo, Chaín e Paradavella, incrementando aínda máis o impacto ambiental e visual do proxecto.

Este parque forma parte dun modelo que o BNG leva anos denunciando: un modelo eólico depredador, promovido polo PP desde a Xunta e co beneplácito do PSOE no goberno Estatal, o que entrega o territorio ás grandes empresas eléctricas sen planificación, sen retorno real para a poboación local, sen control ambiental e sen participación veciñal.

Sen transparencia, sen planificación, sen respecto

O procedemento para a tramitación do parque Muracais é un exemplo claro de falta de transparencia e de respecto pola veciñanza. Os estudos de impacto ambiental publícanse en pleno verán (BOE do 10 de xuño de 2025, BOP de Lugo do 21 de xuño), con prazos limitados e escasa difusión. Moitas persoas afectadas souberon do proxecto grazas á mobilización cidadá e non pola acción institucional.

Por iso, desde o BNG da Fonsagrada participamos activamente na xornada informativa celebrada o pasado 19 de xullo, promovida por ADEGA e veciñanza afectada, e na que se recolleron sinaturas e se facilitaron modelos de alegacións para presentar ante o Ministerio.

Propoñemos outro modelo: xusto, ordenado e participativo

Non nos opoñemos á enerxía renovable. Ao contrario: defendemos a transición enerxética como ferramenta clave para afrontar o cambio climático. Pero non a calquera prezo, nin en mans de fondos especulativos que non deixan máis que destrución no noso territorio.

O BNG defende un modelo eólico alternativo, baseado en:

  • Planificación ordenada, co territorio como suxeito e non como vítima

  • Xestión galega da enerxía. Participación pública e local, con control e decisións da veciñanza.

  • Retorno económico para os concellos e persoas afectadas

  • Protección da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio cultural.

Esiximos ao goberno do Concello da Fonsagrada actúe

Non é suficiente con mirar para outro lado. O Concello ten a obriga de poñerse do lado da veciñanza, non das eléctricas. Por iso esiximos ao goberno municipal:

  • Que informe con claridade sobre os proxectos en marcha no territorio

  • Que presente alegacións formais como administración local afectada

  • Que apoie publicamente á veciñanza mobilizada

Desde o BNG da Fonsagrada seguiremos mobilizándonos para parar este proxecto, ao igual que fixemos co resto de parques eólicos agresivos que ameazan o noso concello. Apostamos por un rural vivo, sostible, con futuro e coas persoas no centro. Non imos calar ante a entrega do noso territorio aos intereses das eléctricas.

Animamos a presentar alegacións, as que podes descargar desde a paxina web adega.gal e tamén podes recollelas no Concello. O remate de prazo de presentación é até 20 de agosto.

O BNG da Fonsagrada rexeita o parque eólico Muracais. Non imos permitir un modelo depredador do territorio