ARROXO: "SEGUIMOS A FACER UNHA APOSTA DECIDIDA POLA MELLORA DA SEGURIDADE NOS COLEXIOS, PODEMOS VER ACTUACIÓNS EN MÚLTIPLES CENTROS E AGORA SEGUIMOS A TRABALLAR PARA QUE TODAS AS NENAS E NENOS CONTEN CUN ENTORNO SEGURO"
A Tenencia de Alcaldía continúa a mellorar a seguridade viaria nos centros escolares cunha actuación na contorna do CEIP As Mercedes
Arroxo: "Seguimos a facer unha aposta decidida pola mellora da seguridade nos colexios, podemos ver actuacións en múltiples centros e agora seguimos a traballar para que todas as nenas e nenos conten cun entorno seguro"
Lugo, 11 de febreiro de 2026. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, achegouse ata a rúa Montirón, onde na xornada de hoxe comezou "unha nova fase do plan de mellora das contornas escolares". Arroxo afirmou que a Tenencia de Alcaldía leva "anos" traballando na mellora dos espazos "seguindo a liña das actuacións realizadas nos colexios Luís Pimentel e Rosalía de Castro, e que nuns meses veremos na Anexa". Nesta ocasión, a Tenencia de Alcaldía actúa na rúa Montirón, na contorna do Colexio As Mercedes.
Nestes días comezan as obras de mellora da seguridade viaria neste punto, cun proxecto que responde ás peticións da ANPA e da dirección do centro. As intervencións consisten principalmente no ensanchamento da beirarrúa diante do colexio, co obxectivo de facilitar os accesos e incrementar a protección dos nenos e nenas tanto nas entradas como nas saídas das clases.
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía segue avanzando para que todas as crianzas de Lugo conten con espazos seguros no entorno dos seus centros escolares, consolidando unha cidade máis amable e protectora coas nenas e nenos.