Tristes, fríos e pouco participativos así foron os actos do XV aniversario na Muralla
O BNG Asembleas Abertas presentara unha proposta para cortar o tráfico na ronda e organizar actos nos que se implicara a toda a cidadanía lembrou Maite Ferreiro
A celebración do 15 Aniversario da Declaración da Muralla foi pouco imaxinativa e non se contou cos colectivos lucenses para facelos partícipes do evento
Lugo, 30 de novembro de 2015. A edil do BNG Asembleas Abertas criticou a organización do XV aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e cualificou os actos conmemorativos como tristes, fríos e pouco participativos. Maite Ferreiro lembrou que o BNG Asembleas Abertas presentara unha proposta para cortar o tráfico na ronda e organizar actos nos que se implicara a toda a cidadanía.
Para o BNG Asembleas Abertas a celebración do 15 Aniversario da Declaración da Muralla foi pouco imaxinativa e non se contou cos colectivos lucenses para facelos partícipes do evento. É unha magoa que non se contara cos clubes deportivos, asociacións culturais, grupos de teatro, artesáns, grupos musicais, colectivos sociais e con toda a xente que traballa, dun xeito organizado, nesta cidade dixo Maite Ferreiro e sinalou que non houbo actividades que motivasen á cidadanía a participar, agás o lanzamento de faroliños voadores.
A edil nacionalista fixo referencia aos actos organizados no ano 2011. cando o BNG tiña responsabilidades de goberno na área de cultura. no que se cortara o tráfico na ronda e se conseguira rodear o monumento cunha corda que foi portada por miles de lucenses e apuntou que naquel acto tiveran cabida os clubes deportivos, asociacións culturais, grupos de teatro, artesáns, grupos musicais, colectivos sociais.