BRAIS VÁZQUEZ: "DADO O USO PARTIDISTA QUE SE DABAN ÁS REDES SOCIAIS INSTITUCIONAIS DO CONCELLO NON NOS QUEDOU OUTRA QUE PRESENTAR UNHA RECLAMACIÓN ANTE A VALEDORA DO POBO"
A Valedora do Pobo insta ao concello de Monterroso a usar as redes sociais institucionais de forma responsábel, tras a demanda do BNG
Brais Vázquez: "Dado o uso partidista que se daban ás redes sociais institucionais do concello non nos quedou outra que presentar unha reclamación ante a Valedora do Pobo"
Monterroso, 17 de Xaneiro de 2025 .- O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso a través do seu concelleiro, Brais Vázquez, presentou unha reclamación ante a Valedora do Pobo polo uso partidista que o equipo de goberno estaba a facer das redes sociais da institución.
O BNG de Monterroso presentou unha reclamación ante a Valedora en setembro, como consecuencia do uso partidista que dende o goberno municipal se facía das redes sociais institucionais, "vimos que a conta oficial do Concello se converteu nun instrumento partidista e tendencioso onde, incluso se teñen realizado borrados e censuras de comentarios da cidadanía" comenta Brais Vázquez. "Este uso dos medios institucionais carece de rigor e neutralidade política e úsanse para o enxalzamento dos logros e xestión de so unha parte dos grupos municipais do Concello de Monterroso, os que gobernan, e non informando do traballo e das iniciativas da oposición e súa actividade municipal."
A Valedora admitiu a trámite esta queixa e envioulle ao concello un requirimento no cal lle pedía que se proceda á aprobación dunhas normas reguladoras de uso dos perfís municipais en redes sociais e da web municipal. "Ante esta resposta, o Concello acepta o que a Valedora lle suxire e comprométese na elaboración desas normas reguladoras para o uso de perfís institucionais." explica o concelleiro nacionalista. "Temos que ser rigorosos co uso dunha institución e coa imaxe que dela damos, ademais é unha boa nova que se poida regular o contido e imaxes que o Concello usa nos seus perfís", concluíu Vázquez.