O Vello Cárcere acolle unha mostra de arte Tinga Tinga
A mostra está organizada polo artista tanzano Allen Enock Abeid, residente en Lugo
A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere entre ata o 31 de setembro nas celas de homes da pranta baixa
Lugo, 15 de xullo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Educación Felipe Rivas visitaron o Vello Cárcere xunto co artista tanzano Allen Enock Abeid, que expón nas celas de homes unha mostra de arte Tinga Tinga.
O Tinga Tinga é un xénero pictórico creado no leste de África a principios do século XX. Pode considerarse un estilo naïve e carica - turesco, “arte que fai sorrir”, “arte mantra”, etc. De calquera maneira, difícil de catalogar baixo os estándares occidentais, pero podería encadrarse próximo ao estilo surrealista e a representación figurativa.
Foi creado inicialmente para a representación do imaxinario do pobo africano: a fauna e flora africanas, as rutinas tradicionais da tribo masai, pero tamén baixo a infuencia da importante demanda turística na zona.
Emprega, na maioría dos casos, pintura acrílica de cores moi saturados, e cun acabado brillante ou “glossy”. O trazo realízase cunha liña nítida e firme e predomina a liña curva.
Importantes representantes deste xénero son: Edward Tingatinga Said, Simon Mpata, Omari Amonde, George Lilanga, Noel Kapanda, Mchibi Halfani.
Allen Enock Abeid é un artista novo nado no ano 1989 nunha localidade rural de Tanzania. Exerce como guía local nunha das plantacións de café nas que se atopa o salto de auga de Materuni. Acaba de participar na National Cup of Germany of Social Entrepreneurs (Trofeo nacional de Alemaña de emprendedores no eido social) baixo a asociación de comercio xusto "Asante.sanaa" que procura dar voz e comercializar no mercado europeo a artistas tanzanos.
Actualmente atópase empadroado en Lugo e continúa a desenvolver o seu labor artístico.