O BNG rexeita as ameazas emitidas contra os cargos públicos nos últimos días
O Consello Comarcal do BNG mostra o seu apoio a Rubén Arroxo, ante as ameazas aparecidas nas redes sociais
Elvira Lombao, responsábel de organización comarcal do BNG: “o BNG seguirá a traballar na transformación de Lugo a pesar das ameazas e das mensaxes de odio”
Lugo, 15 de xullo de 2021. O consello comarcal do BNG de Lugo rexeita as ameazas emitidas contra o portavoz do BNG e Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, nas redes sociais. A responsábel de organización do BNG, Elvira Lombao, explicou que “non se trata da primeira vez que se ameaza a cargos públicos do BNG, ataques ideolóxicos que non vai conseguir que o BNG deixe de traballar para continuar a transformar Lugo”.
“O BNG caracterízase, e caracterizouse sempre, por defender os intereses dos veciños e veciñas, por denunciar sen medias tintas as políticas que van contra os intereses xerais da veciñanza”, afirmou Elvira Lombao, que engadiu “estas mensaxes o único que fan é demostrar o carácter antidemocrático de certas persoas, que pensan que as redes sociais serven para xerar odio contra quen non pensa coma elas”.
Lombao recalcou que o BNG non acepta “nin ameazas nin chantaxes” por cuestións ideolóxicas. “Pensan que poden facer o que lles dea a gana, pero estes comportamentos mafiosos e ameazantes contra o Bloque Nacionalista Galego nunca o pararon e nunca o van parar”, explicou.