A concellería de Infraestruturas Urbanas mellora a sinalización do aparcadoiro municipal do HULA
Alexandre Penas: “esta nova sinalización permitirá tamén aproveitar mellor a ampliación do espazo”
Delimitáronse os espazos de estacionamento para evitar vehículos mal estacionados
Lugo, 03 de xaneiro de 2020. O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, indicou que “dende a concellería de infraestruturas instalamos unha serie de paneis informativos para informar ás usuarias e usuarios dos accesos ao aparcadoiro”. Segundo informou o edil de infraestruturas, “xunto co uso de diferentes cores para delimitar as zonas de tránsito e de estacionamento, colocamos unha serie de estruturas para delimitar as zonas de estacionamento e evitar vehículos mal aparcados”. Ademais, Alexandre Penas informou da instalación de “unha serie de estruturas para asegurar os accesos peonís”
“Debemos traballar en mellorar o estado desta infraestrutura tan necesaria para os centos de persoas que a utilizan a diario”, indicou o edil nacionalista, que engadiu “xunto co mantemento do firme, a sinalización dos espazos é outra das solicitudes que máis nos facían chegar e ás que tratamos de dar solución da mellor maneira posíbel”.
Con esta medida, a concellería de infraestruturas trata de dar solución ás solicitudes da veciñanza. Para Alexandre Penas, “trátase dunha intervención de baixo custo, que é moi solicitada polas persoas usuarias deste aparcadoiro, que mellora a súa imaxe e facilita o seu uso, ademais de permitir que se aproveite a ampliación do espazo que se habilitou coa última actuación na zona”.