RUBÉN ARROXO: “LUGO TEN QUE SEGUIR MIRANDO CARA AO MIÑO E APROVEITANDO AS OPORTUNIDADES QUE XORDEN PARA ACHEGAR O RÍO Á VECIÑÁNZA
O BNG propón crear un acceso público de baño no Miño aproveitando as obras na contorna do antiguo restaurante O Muíño
As actuacións realizadas neste punto transformaron a contorna, abrindo unha oportunidade que antes non existía para facilitar o acceso ao río a través da nova escaleira existente
Rubén Arroxo: “Lugo ten que seguir mirando cara ao Miño e aproveitando as oportunidades que xorden para achegar o río á veciñánza”
Lugo, 06 de xullo de 2026. O BNG de Lugo propón aproveitar o novo espazo creado na contorna do antigo restaurante O Muíño para habilitar unha zona pública de acceso ao baño no río Miño. A formación nacionalista considera que as actuacións realizadas neste punto transformaron a contorna e abriron unha oportunidade que antes non existía para facilitar o acceso da veciñanza ao río.
Rubén Arroxo lembrou que “o BNG sempre defendeu que Lugo conte con distintos accesos ao baño no Miño, para que a veciñanza poida gozar do río en diferentes puntos e sempre de maneira compatible coa protección do medio ambiente”.
Neste sentido, Arroxo destacou as posibilidades que ofrece o novo espazo creado ao carón do antigo restaurante O Muíño. “Estamos ante unha zona que antes non existía nas condicións actuais e que, unha vez rematadas as obras, podemos aproveitar para crear un novo acceso público ao río”, explicou. O acceso, insiste, podería ser acondicionando o espazo que existe na nova escaleira.
O BNG sinala, ademais, que esta localización presenta condicións favorables para este tipo de actuación. O punto proposto atópase fóra da Rede Natura 2000 e xa foi resolto o condicionante derivado da presenza de mexillóns de río protexidos. Antes do inicio das obras de reparación do coñecido como caneiro da Acea foi necesario trasladar arredor de 15.000 exemplares de especies protexidas, unha actuación que permitiu posteriormente iniciar os traballos durante o pasado verán.
“Unha vez resolta esta cuestión e coas obras avanzadas, consideramos que é o momento de aproveitar as posibilidades que ofrece este novo espazo e estudar a creación dun acceso público ao río”, afirmou Arroxo.
“Agora temos a oportunidade de completar a recuperación desta contorna cun novo uso público”, sinalou Arroxo. A proposta do BNG pasa por estudar e executar un acceso seguro e acondicionado para o baño, cunha intervención respectuosa coa contorna e que permita ampliar os usos públicos e de lecer vinculados ao río.
“Lugo ten que seguir mirando cara ao Miño e aproveitando as oportunidades que xorden para achegar o río á veciñanza”, concluíu Rubén Arroxo.