novas
NOVAS
O BNG pregunta sobre a situación da alternativa á ORA, os aparcadoiros e as novas liñas de buses

O BNG pregunta sobre a situación da alternativa á ORA, os aparcadoiros e as novas liñas de buses

Lugo, 7 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, rexistrou unhas serie de preguntas para a comisión municipal de cara a pedir explicacións pola “incapacidade que amosa o goberno municipal para dar solución aos problemas de mobilidade e de tráfico”. En canto a isto para o portavoz municipal do BNG “o goberno local non foi quen aínda de darlle solución á proposta estrela deste PSOE nada máis entrar, hai 2 anos e medio, como foi retirar o sistema ORA” dende a organización nacionalista cuestionan que a comisión de municipalización deste servizo só se convocase para constituírse e de iso xa pasaron 2 anos. Dende o BNG lembran a súa proposta dun servizo alternativo que sexa público e gratuíto, pero que garanta que haxa sitios onde estacionar nos puntos de máis servizos da cidade, dado que a día de hoxe resulta practicamente imposible.

O propio concelleiro tamén fixo fincapé na pouca preocupación da alcaldesa por sacar adiante os aparcadoiros disuasorios “dende o BNG fixémoslle xa hai 2 anos unha proposta para utilizar diferentes terreos abandonados na cidade como aparcadoiros, no seu día o goberno aceptouna e incluso lle asignou unha partida económica, pero entramos na época de nadal, que é cando máis problemas hai de estacionamento de vehículos e seguimos sen ver absolutamente nada”. Ao igual que existía partida económica para os xa prometidos por Orozco “Leira Parkings” do HULA e dos que aínda non hai nin a primeira pedra. Nesta mesma liña dende o grupo nacionalista lembran tamén que están paralizadas as negociacións prometidas para modificar as prazas dos aparcadoiros soterrados co fin de que collan os vehículos actuais. “en 2 anos e medio nin alternativa á ORA, nin modificación das prazas dos aparcadoiros soterrados, nin “Leira Parking”, nin aparcadoiros disuasorios, pero si moito fume e propaganda” 

Finalmente dende o BNG volveron denunciar o pouco respecto do goberno municipal aos acordos plenarios, “incluso os sinxelos de executar e que eles mesmos votan a favor” como foi co caso da proposición presentada polo grupo nacionalista e aprobada por unanimidade o 28 de setembro para que en menos de 15 días se convocase a todos os grupos para expoñer o modelo de novas liñas de buses que debería estar funcionando dende xuño. Malia todo isto dende o goberno municipal non só non puxeron a funcionar o novo modelo, senón que tampouco convocaron aos grupos municipais. Cuestión a do transporte público que preocupa aos nacionalistas, dado que entenden que “é imposible reducir o número de vehículos privados nas nosas rúas se non se crea un transporte público eficiente”, afirmando tamén que ao non ter tomado ningunha medida en canto comece a chover volveranse producir grandes atascos.

Ler novas
NOVAS
“Cúmprese un ano dende que rematou o prazo para as novas liñas de buses e seguimos sen nada” dixo Arroxo

“Cúmprese un ano dende que rematou o prazo para as novas liñas de buses e seguimos sen nada” dixo Arroxo

O BNG denuncia novamente a falta de interese do goberno municipal polo bus urbano

“O bus non funciona e a alcaldesa mira para outro lado” afirmou Rubén Arroxo

 

Lugo, 25 de xuño de 2018. O BNG volve denunciar a falta de interese do goberno municipal a respecto do transporte público, ao igual que os incumprimentos con Lugo. Este 26 de xuño cúmprese un ano dende que, segundo o contrato, tiña que estar funcionando un sistema actualizado de liñas, cuestión que non está a acontecer. O voceiro municipal do BNG, Rubén Arroxo lembraba que hai pouco máis dun ano a alcaldesa de Lugo anunciaba ante os medios que con esta actualización se ían pasar dos 8.200 desprazamentos diarios neste medio de transporte a 44.000 “todo o que nos vendeu a alcaldesa de Lugo a respecto do transporte público foi fume, e estanse a incumprir tanto o contrato como os acordos plenarios” afirmou o concelleiro do BNG. Dende o grupo nacionalista lembran que tanto no pleno de setembro como no de decembro do 2017 aprobouse por unanimidade unha proposición do BNG para que a alcaldesa convocase aos grupos, en menos de 15 días, para explicar porque se mantiña paralizado o proceso de actualización das liñas dos buses, e malia a todo a día de hoxe nin se actualizaron as liñas, nin se convocou aos grupos.

 

Arroxo explicou que “a ninguén se lle escapa que o actual deseño das liñas é totalmente obsoleto e hai servizos que son absolutamente deficientes”. “Non se ten en conta a creación dun novo polígono nas Gándaras, nin da existencia do HULA, nin as necesidades de moitas zonas do rural, nin se tivo en conta as suxestións de moitas persoas e colectivos que presentaron propostas nos prazos previos á adxudicación” afirmou o voceiro do BNG.

 

Paneis informativos e APP

Dende o BNG lembran tamén que tanto os paneis informativos como a APP seguen sen funcionar, malia que deberan estar en funcionamento dende xuño do 2016 “o goberno municipal só pon escusas absurdas sobre que os sistemas dixitais do transporte público sigan parados, cando a realidade é que amosan un desinterese absoluto”.

 

A rotonda da Tolda

Tal e como denunciou o BNG o pasado mes de marzo, tres liñas de bus (a 1, a 7 e a 10) están dilapidando 20.000€ anuais dando 12.000 voltas ao ano á rotonda da Tolda sen que haxa paradas entre as Pedreiras e esta. Anteriormente os buses xiraban na rotonda das Pedreiras, pero unha modificación inxustificable levounos alí creando un derroche absurdo de cartos públicos que seguen sen solventarse.

 

 

Os buses non poden cumprir os horarios

“Pedimos en numerosas ocasións que se eliminen os semáforos da Ronda coa velocidade a 30km/h pero o goberno non fixo nada, agora os autobuses non poden cumprir coas limitacións de velocidade e os horarios ao mesmo tempo” afirmou Arroxo e explicou “non é posible que un autobús salga da parada de diante de sindicatos e chegue en 20 minutos a Garabolos”. Sen unha reestruturación das liñas os buses urbanos non poden cumprir os horarios e o goberno municipal debería estar traballando neste asunto.

 

Ler novas
NOVAS
O BNG lamenta que o escurantismo no deseño das novas liñas de bus deixe o rural esquecido

O BNG lamenta que o escurantismo no deseño das novas liñas de bus deixe o rural esquecido

 

Lugo, 1 de agosto 2017. O BNG lamentou que o escurantismo que mantivo o goberno municipal no deseño das novas liñas de autobuses urbanos, na cal non se permitiu participar á oposición, dea como resultado unha peor conexión no rural. O grupo nacionalista, que solicitou en reiteradas ocasións que se convocase unha comisión co fin de poder tratar entre todos os grupos as diferentes propostas, considera que as liñas agora propostas non son nin moito menos as mellores, sobre todo no que afecta á zona rural “non só non se amplían as liñas que conectan a zona urbana coas parroquias, senón que nalgúns casos como Muxa ou Castelo redúcense” afirmou Rubén Arroxo. O propio portavoz municipal explicou o exemplo da liña que antes pasaba por Castelo e subía ata a Ronda da Muralla, agora desviarase por Fontiñas, algo que cuestionou, posto que moita poboación da zona agora terá que cambiar de bus na propia Ronda das Fontiñas para subir ata o centro, dificultando a mobilidade especialmente para a poboación maior. Neste mesmo sentido o concelleiro tamén lamentou que non se intentase ampliar as liñas de buses no rural, posto que nas súas palabras “do outro lado do Miño, no que son as parroquias da zona oeste do concello, o servizo de transporte público é na práctica inexistente”.

 

O grupo nacionalista propón reunir a todos os grupos municipais e mirar que posibilidades de modificación das liñas existen, “entendemos que hai que xuntarse e falar de solucións, porque se queremos que viva xente no rural o que non se pode é seguilo deixando en estado de esquecemento e de recorte de servizos” explicaba Rubén Arroxo lembrando que estas xuntanzas se deberon ter feito antes de presentarse as novas liñas “posiblemente a alcaldesa quixo sacar en solitario o titular das novas liñas, sen ter nin tan se queira analizado se melloraban a situación anterior” afirmou o portavoz do BNG.

 

Recollida de sinaturas. A propia veciñanza do rural está a cuestionar estas novas rutas, nalgunhas parroquias como Castela ou Muxa comezaron a facer unha recollida de sinaturas para non perder o servizo de transporte público.

Ler novas