RUBÉN ARROXO: "ANIMAMOS Á VECIÑANZA A OBTER A TARXETA CIDADÁ E USAR O BUS URBANO NOS SEUS DESPRAZAMENTOS"
A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo inicia o procedemento para adquirir 7.000 novas tarxetas cidadás
Lugo, 30 de agosto de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Concello de Lugo iniciou o procedemento para adquirir 7.000 novas tarxetas cidadás. Arroxo explicou que "comezamos o procedemento para garantir que sempre haxa existencias de tarxetas cidadás, e facilitar que a veciñanza poida desfrutar de todas as vantaxes que supón a tarxeta á hora de desprazarse en bus urbano".
"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.