O compromiso de Isaac
Non é ousadía ningunha afirmar que Isaac Díaz Pardo foi unha figura imprescindible e indiscutible para o noso país. A súa contribución desde o plano de vista cultural e empresarial ao longo de todas as décadas pasadas está fóra de toda dúbida. Ademais da súa faceta artística, foi quen de asentar un modelo empresarial fondamente ligado á produción e difusión cultural que repercutiu de maneira excepcional no tecido cultural galego.
Desde esta perspectiva acordamos no Pleno da Deputación de Lugo de marzo do ano pasado nomear a Isaac Díaz Pardo como fillo adoptivo da provincia de Lugo, o máximo recoñecemento que a institución provincial pode conceder, facendo xustiza pola súa sobresaínte traxectoria de irrenunciable compromiso a favor da difusión da cultura galega, ademais de polo extraordinario legado artístico que, de forma tan especial, repercutiu na provincia de Lugo, onde desenvolveu un inxente traballo de dinamización socioeconómica como refundador e impulsor do Complexo Industrial de Cerámica de Sargadelos en Cervo.
A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo é o resultado dun proxecto desenvolto durante máis de sesenta anos que, ademais, se converteu nunha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galiza contemporánea. Seguindo os principios vangardistas da unión arte-industria e tendo sempre presente o seu compromiso co país, creou un modelo de empresa na que os beneficios reverten en cultura coa finalidade de contribuír á modernización desta terra e á recuperación das súas raíces.
Cando están a piques de cumprirse dous anos do pasamento de Díaz Pardo, vimos de inaugurar onte no Museo de Lugo a maior exposición que se ten feito en Galiza sobre a súa obra cerámica, e que permanecerá aberta para todas e todos os lucenses até febreiro. Pola singularidade, calidade e profusión de pezas expostas, ademais do xenial discurso expositivo realizado para a ocasión que recolle a evolución creativa de Díaz Pardo desde a súa xuventude nos anos 40 até os tempos dos seus últimos deseños, convidamos a todas e todos os lucenses a que non perdan a ocasión de vir gozar desta magnífica mostra.
Igual que Díaz Pardo puxo en marcha un proxecto que irradiou durante décadas o panorama cultural galego, o Museo de Lugo convértese con esta exposición no eixo da cultura galega. Isto non fai máis que confirmar o magnífico traballo que se está a desenvolver desde a institución museística e a Área de Cultura da Deputación á hora de lograr que o Museo sexa a entidade cunha aposta máis seria, extensa e continuada a prol da dinamización cultural de Lugo.
Como xa temos dito en máis dunha ocasión, entre todos e todas logramos que o Museo de Lugo non sexa unicamente un almacén onde gardar cousas antigas e se teña convertido nunha institución viva, aberta para os colectivos culturais e sociais que o desexen e ao servizo dos e das lucenses. É a casa de todos e todas e en cuxa construción todos podemos achegar algo.
Nestes días, nos que vemos como Sargadelos está a atravesar uns momentos complicados desde o punto de vista da súa viabilidade económica, con ducias de postos de traballo perigando, cremos que a exposición que onte inauguramos pode axudar de maneira modesta a revalorizar a súa cerámica, contribuíndo a poñer en valor e facendo que nós mesmos nos deamos conta da importancia que o proxecto emprendido por Isaac Díaz Pardo ten.
Artigo de opinión sobre Isaac Díaz Pardo
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación Provincial de Lugo