Prestige ou como ninguén pagará pola maior catástrofe ecolóxica de Galiza
A semana pasada os galegos e galegas víamos con perplexidade como a sentenza ditada sobre a catástrofe do Prestige non sinalaba ningún culpable, máis que unha pena de 9 meses de cárcere para o capitán daquel barco-chatarra flotante por desobediencia das ordes de manobra. A sociedade civil rescatou o movemento Nunca Máis e volveu a saír ás rúas de novo, 11 anos despois, para berrar con carraxe contra a inxustiza que supón que ninguén vai pagar pola maior catástrofe ecolóxica de Galiza: os verdadeiros responsables quedan impunes.
A pesar de o litoral de Galiza ser o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos destas características, pois nos últimos 43 anos houbo catro buques que provocaron importantes vertidos de hidrocarburos ao mar (Polycommander, Urquiola, Aegean Sea, Prestige), aos que se lle deben sumar outros sinistros en que tamén houbo unha importante contaminación mariña polos vertidos de produtos altamente contaminantes (Erkowitz, Cason), a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña permite, despois de 11 anos, que se volvan a producir casos desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsábeis. Esta sentenza deixa sen prexulgar a acción civil, de modo que a tutela por parte dos tribunais desta xurisdición está por decidir, malia que as indemnizacións por danos están limitadas polos convenios internacionais asinados polo Estado español, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos
Con todo aínda se está a tempo de corrixir esta situación, tendo en conta que contra esta sentenza cabe interpoñer un recurso de casación perante o Tribunal Supremo. E dado que existen as razóns e os supostos de feito e de dereito para recorrer, o Ministerio Fiscal e a Xunta de Galiza, personadas xunto con outras entidades como acusación, deberían presentar no Tribunal Supremo o correspondente recurso de casación contra a sentenza citada.
O desastre do Prestige evidenciou igualmente como o Estado continúa controlando os dispositivos de transporte de mercadorías perigosas por mar nas costas galegas, impedindo que Galiza poida facelo en porto e en tránsito, mais tamén que os medios de salvamento e prevención de catástrofes ambientais despregados nas nosas costas non son suficientes e acaídos para encarar situacións de risco ou combater a ameaza da contaminación. Por iso, desde o BNG reclamamos, como o fixemos sempre, que cómpre transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar, que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras do noso País.
O mar deunos moito e tamén nos ten quitado moito, pero se fai máis que evidente é que debemos ser os galegos e galegas quen gobernemos os nosos recursos e poñamos os medios necesarios para o seu aproveitamento. Somos os mellores coñecedores do noso e temos que poñelo en valor. Nunca Máis outro Prestige e que os mares que bañan a nosa costa sigan sendo a fonte de riqueza que até o de agora foron para o noso país.
Artigo de opinión sobre o xuízo do Prestige
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación Provincial de Lugo