Universidade pública, imprescindible contra a destrución do estado social

Universidade pública, imprescindible contra a destrución do estado social

Onte celebramos a apertura do curso académico da UNED en Lugo, un centro asociado que nacía na nosa cidade, tralos esforzos dos compañeiros que nos precederon neste cargo na Área de Cultura da Deputación, alá polo 2008, coincidindo se cadra co ano no que a maioría de expertos apuntan que estalou a crise tal e como a coñecemos. Falábase por aquel entón dunha crise económica derivada, grosso modo, da especulación financeira.

Andando o tempo vimos como esa crise financeira que provocaron uns poucos que manexaban a economía mundial derivou nunha crise social que afectou a unha maioría que non tivo culpa dese crack.

Hoxe en día a crise do modelo social está chegando a uns límites a todas luces inaceptables. Unha nova pantasma percorre Europa, e non é precisamente a mesma pantasma da que falaba Marx. Esta pantasma vai en dirección contraria, coas tesoiras nas mans, e apunta ao corazón mesmo do modelo social do Estado do Benestar. Tralo rescate do euro, seguíronse rescates en diversos países dos que en España sufrimos un dos máis severos, derivando sempre en recortes na mesma dirección: adelgazamento do sector público a favor das privatizacións, redución do gasto social, rebaixas das pensións, encarecemento de servizos públicos esenciais, suba de taxas académicas, recortes en profesorado, pagamento de comedores escolares... etc, e o que é peor, nada indica que isto se vaia deter ás présas.

É por isto que cómpre que desde as institucións nos impliquemos máis que nunca, tomemos conciencia do complicado momento que están a vivir as maiorías sociais e fagamos por atallar desde as nosas posibilidades o sufrimento de quen padece a crise.

E desde esta perspectiva, aínda que poida soar a un manido tópico, a educación xoga un papel fundamental, sendo neste punto a universidade pública a cabeza de lanza. Nos tempos nos que estamos, investir en capital humano faise imprescindíbel porque a formación é sempre un investimento, nunca un gasto. De aí o noso firme compromiso con este centro asociado en Lugo. Desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación puxemos desde o inicio todo o que estivo nas nosas mans para lograr que Lugo contase cun centro da UNED, do mesmo xeito que mantivemos sempre unha aposta clara no apoio á universidade no seu campus de Lugo. Por esta parte, cremos que a UNED é un garante de accesibilidade a ensinanzas superiores a todas as persoas, independentemente do lugar no que se atopen, igualando as oportunidades de todas e todos os lucenses.

Máis que nunca, temos que pular por un ensino público e de calidade, que garanta o acceso de todas e todos á educación, independentemente da súa posición socioeconómica, todo o contrario do que as políticas da dereita están a facer no noso país e no Estado coa suba de taxas e o recorte das becas, propiciando que só as familias dun alto nivel económico poidan permitirse pagar uns estudos superiores aos seus fillos. Debemos rachar co ensino elitista: a educación é a base do desenvolvemento dun pobo. A universidade pública é imprescindíbel e, como ben dixo onte o maxistrado Luis Villares na súa lección inaugural do curso da UNED, un garante fronte á destrución do estado social.

 

Artigo de opinión sobre a universidade pública

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación  Provincial de Lugo

Universidade pública, imprescindible contra a destrución do estado social