Contra a violencia machista, unha loita transversal

Contra a violencia machista, unha loita transversal

Vimos de celebrar un novo 25 de novembro dedicado á loita contra a violencia machista. Os informativos énchense de estatísticas e cifras de mulleres agredidas ou mortas a mans das súas parellas e todo o mundo clama contra isto. Pero a violencia é moito máis ca iso, hai violencia en moitas situacións nas que nin sequera repararmos.

Precisamente por iso quero comezar presentando uns datos para ver o que realmente se oculta detrás deles. Na Galiza, desde 2009, redúcense cada ano as denuncias por maltrato en números absolutos, pasando de 6068 en 2009, a 4788 en 2012. Así, o número de denuncias presentadas por cada 10.000 mulleres en Galiza sitúase en 33,29, a segunda cifra máis baixa do Estado español despois da de Castela e León con 32,16 denuncias por cada 10.000 mulleres. Dunha primeira ollada poderíase afirmar que o número de casos de violencia machista se están a reducir no noso país e que a cifra é comparativamente moi favorable con respecto ao resto do Estado, cando nada máis lonxe do contrario: as cifras o único que sinalan é unha redución das denuncias, non dos casos, e a causa fonda desta redución do número de denuncias ten a súa orixe nas dificultades económicas que sofren con maior incidencia as mulleres. O temor a quedarse nunha situación de exclusión social, sen recursos, fai que en moitos casos as mulleres soporten accións de violencia por parte da súa parella.

Por iso, o acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a presión, as faga volver co maltratador, e aquí é onde as administracións deben centrar parte dos seus esforzos. O persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións estase vendo tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades e non o podemos permitir se o que queremos é dar realmente a batalla á violencia machista.

Continúan sen se desenvolver medidas previstas na Lei 11/2007, relativas á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero. Non se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas, unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida.

A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.

A dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar as mulleres que deciden dar o paso. No momento en que todas as asociacións de mulleres alertan con diferentes informes que “a crise supón un freo para denunciar, polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos para saíren adiante” sorprende que o goberno galego non analice as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero neste momento concreto e non aplique con dilixencia as leis vixentes.

Moitos concellos foron pioneiros no desenvolvemento de medidas contra a violencia de xénero. Temos o exemplo tamén na nosa provincia de iniciativas desde o mundo asociativo como o Observatorio A Mariña Pola Igualdade, que desenvolve un traballo continuo neste eido. Agora, atravesando momentos de dificultades orzamentarias, débense manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas. Débese tamén reclamar doutras instancias competentes o cumprimento das obrigas, da garantía do dereito das mulleres a viviren sen violencia.

Vivir sen violencia é un dereito. A violencia machista conculca os dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas, é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. A obriga das administracións públicas, como representantes de todas e todos nós, é poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer as vítimas e aí é onde está o cerne: educación, sensibilización, acompañamento, asistencia. A loita contra a violencia machista ten que se dar de xeito transversal.

 

Artigo de opinión sobre a violencia machista

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

 

Contra a violencia machista, unha loita transversal