A Constitución nacionalista española

A Constitución nacionalista española

O día 6 de decembro, día da Constitución nacionalista española, Galiza non ten nada que celebrar: levamos 35 anos cun marco constitucional inxusto que nos afoga e nos limita, un traxe que nos queda pequeno e que non dá resposta aos nosos problemas e necesidades e ás nosas aspiracións como pobo. É unha carta magna centralista e españolista.

A Constitución española tampouco nos ofrece aos galegos e galegas solucións fronte á actual crise económica e impide que Galiza poida desenvolver os seus sectores produtivos e pór en marcha as súas propias medidas alternativas de desenvolvemento económico. Por iso, os galegos e galegas non deberiamos defender unha constitución que limita o noso dereito a producir e que nos nega os dereitos fundamentais como pobo, como é o dereito a poder vivir na lingua galega con plena normalidade. Por iso podemos afirmar que a Constitución é papel mollado, non representa ao pobo galego. A Constitución de 1978 é unha norma obsoleta, totalmente allea á realidade e que non recolle o sentir do país, ampara unha institución como a Monarquía, que é a escenificación dunha rede clientelar, e non recoñece o Estado plurinacional negando a nosa nación. Dende o punto de vista social, a Constitución non serve para nada xa que nela non atopan amparo os desafiuzados, os pensionistas ou os estafados polas preferentes, nin se ven garantidos os dereitos laborais, a sanidade e a educación pública.

Pola contra, é un texto no que si que atopan protección a banca e a especulación financeira, lembremos que incluso cando os sectores máis reaccionarios, aqueles que afirmaron sempre que a Constitución é inquebrantable, non dubidaron en facer unha reforma “exprés”, pactada por PP e PSOE, para, someténdose aos ditames dos mercados, fixar un límite de gasto ás administracións públicas que calma aos especuladores pero provoca a destrución de servizos públicos esenciais.

É neste punto no que, fronte ao neoliberalismo caníbal que se ve amparado pola Constitución, Galiza debe liderar o seu futuro e procurarse un novo modelo económico e social, o cal non será posíbel mentres non sexa soberana. A verdadeira democracia e a auténtica xustiza social só chegarán ao noso país cando Galiza sexa capaz de gobernase así mesma, porque o futuro da nosa nación non pode estar supeditado aos intereses de Madrid. Cómpre que Galiza teña soberanía para poder avanzar

É unha fermosa coincidencia que veñamos de inaugurar onte no Museo de Lugo “Galiza nun tempo de seu”, unha mostra centrada no período medieval e no que o noso país chegou ás máis altas cotas de autogoberno, onde se forxaron moitas das nosas características como pobo e onde o noso idioma gozaba dunha total normalidade, sendo incluso a lingua oral de todas as clases sociais da época e chegando a suplantar ao latín na escrita, tanto no ámbito literario primeiramente coma na prosa documental máis tarde. Foi esta a grande época de normalidade da lingua galega.

Porque temos un pasado e unha historia, tamén temos futuro e sobre esa historia de pobo ceibe que viviu libremente ao longo da Idade Media é preciso que sigamos a construír o noso país coa meta última da soberanía, o único que nos garantirá que poidamos desenvolver as nosas potencialidades e vivir con normalidade na Galiza.

 

Artigo de opinión sobre a Constitución española

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación  Provincial de Lugo

 

A Constitución nacionalista española