Galiza, outra vez emigrante

Galiza, outra vez emigrante

Mario Outeiro (524x786)

Tradicionalmente considérase que nos últimos dous séculos Galiza foi un país emigrante. Os principais estudos sobre a nosa historia coinciden en sinalar dous grandes períodos migratorios: unha arredor dos inicios do século XX, coa emigración “americana” e outra, maioritariamente con destinos europeos ou aos outros dous países do Estado, Euskadi e Cataluña, a mediados do século pasado e décadas dos 60 e 70.

Hoxe en día aínda non temos a perspectiva temporal necesaria para poder falarmos dunha terceira fase migratoria, pero se cadra non nos equivocamos moito se afirmamos tal cuestión. Por primeira vez en décadas, as estatísticas do Instituto Galego de Estatística e máis do Instituto Nacional de Estatística (IGE e INE, respectivamente) reflicten un saldo migratorio negativo, é dicir, que despois de ducias de anos marcha do noso país máis xente da que entra. Se a isto lle engadimos que o crecemento vexetativo na nosa nación é dos máis negativos do Estado a situación demográfica esta ben clara: cada vez somos menos persoas a vivirmos en Galiza.

O drama da emigración non se detén: case 13.000 galegos e galegas marcharon do país nos primeiros seis meses deste ano na procura dun futuro mellor. O saldo migratorio, como diciamos antes, vira en negativo por primeira vez en anos, tanto no que ten a ver co estranxeiro como a outras partes do Estado. Así, 5.860 cidadáns marcharon a outros estados, mentres que Galiza tan só recibiu 3.876 inmigrantes, o que deixa o saldo nunha cifra negativa de 1.804 persoas. Ademais, o saldo migratorio interior no conxunto do Estado quedou tamén en negativo (-159) ao deixar o país máis xente da que chegou a el doutros puntos de España.

Este drama da emigración únese tamén á perda de poboación e ao saldo vexetativo negativo que Galiza vén rexistrando nos últimos 25 anos. Desde aquela, no país morre máis xente da que nace cada ano. Así, o 1 de xullo de 2013 a poboación galega situouse nos  2.753.960 persoas fronte aos 2.761.970 habitantes de seis meses antes, o que supón unha diferenza de -8.010 cidadáns e un crecemento relativo do -0,29%, outro drama que se acentúa cos datos que se tiran das cifras do paro.

Botando esta ollada ás cifras, podemos constatar que o mercado de traballo en Galiza non funciona como debería e expulsa fóra aos traballadores e traballadoras. Desde 2008 perdéronse máis de 215.000 empregos en Galiza, 50.000 só no último ano e, destes, oito de cada dez correspondían a menores de 35 anos. Son estes datos os que explican que entre 2003 e 2010 máis de 315.000 galegos e galegas marchasen traballar a outras comunidades autónomas e ao estranxeiro, e que a metade deles fosen menores de 30 anos. Isto reflicte o fondo do drama da emigración no noso país: a emigración xuvenil, “fuga de cerebros”, o éxodo de milleiros de rapaces e rapazas galegas que se formaron aquí acadando estudos superiores e que diante das nulas oportunidades laborais no país teñen que buscar emprego fóra.

A precariedade contractual dos titulados, o seu escaso estímulo salarial, a ausencia de emprego de calidade e a propia estrutura empresarial galega quedan constatadas como causas da expulsión desta man de obra cualificada cara a outras rexións e, fronte a isto, en Galiza temos que seguir a sufrir o desleixo do goberno do PP que nos 5 anos que leva gobernando co señor Núñez Feijóo á fronte nada fixo para atallar esta situación. Por isto, esta terceira emigración galega ten culpables, e están actualmente gobernando en Galiza e no Estado.

 

Artigo de opinión sobre a terceira emigración galega

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

Galiza, outra vez emigrante