Europa non era a panacea para Galiza

Europa non era a panacea para Galiza

 

Existe un momento crucial nas relacións económicas internacionais no seo da Unión Europea e o modelo que o rexía: a crise económico-financeira desencadeada entorno aos anos 2007 e 2008 e que sumiu en penosas dificultades a moitos países, especialmente aos situados na periferia. Con esta crise fíxose explícito que non estabamos só ante unha creba dun modelo económico senón tamén dun modelo político, no que o concepto de “integración” ficaba nun limbo ou unha utopía por mor da súa fraxilidade e no que se apuntaba directamente á morte definitiva do estado de benestar baixo o dominio do poder financeiro.

Desta maneira, ao prolongarse a crise durante este lustro púxose de manifesto que non só había unhas presións dos mercados financeiros que facían moverse aos gobernos segundo os seus antollos senón que ademais estes gobernos non presentaban capacidade de reacción debido á súa ineficaz atención e distribución de competencias e á xa coñecida e palpable lentitude de reacción por mor da rixidez institucional á hora de coordinar as medidas reguladoras entre diferentes institucións.

Isto que acabamos de sinalar, e que aparece analizado dunha maneira máis extensa, pormenorizada e por suposto didáctica polo catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Vence, nos capítulos centrais do seu libro “Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal”, provoca que os mecanismos de regulación e definición de políticas macroeconómicas, como a política monetaria ou fiscal, estean localizadas en diferentes niveis de goberno e respondan a obxectivos xerais non coordinados, o que fai que a resposta á crise se faga enormemente máis complexa.

Pero ademais, o problema non só radica na dificultade para elaborar unha resposta eficaz e conxunta perante a crise, senón nos propios intereses “dentro do sistema”, porque pódense percibir certas forzas interesadas en manter os desequilibrios entre os países do centro e os da periferia, que xa viñan dados pola propia heterexoneidade estrutural dos países e territorios que conforman a UE.

Temos que recoller de xeito literal as palabras de Vence que resumen á perfección estas ideas que viñemos dando ao definir “a incapacidade da UE para dominar a actual crise financeira e de débeda é o fracaso dunha forma de construír a UE e o euro sobre a base duns principios de exceso neoliberais e o fracaso dunhas políticas de resposta á crise asentadas en diagnoses e estratexias igualmente neoliberais”.

Diante desta nova contribución do nacionalismo á análise do problema europeo do profesor Vence, que se presentou antonte en Lugo, é tamén obrigado lembrar que ninguén pode acusar de oportunista ao BNG nun momento no que toda a esquerda carga contra a Troika. Dende o BNG, xa no propio momento cuestionamos a integración de España en Europa, cando unha marea europeísta vía aquí a panacea á problemática galega.

Neste sentido non está demais lembrar o documento de 1975, “Encol da autodenominada Junta Democrática”, elaborada pola UPG, no que xa o nacionalismo marcaba a súa oposición á integración do Estado español no que era o Mercado Común Europeo como un elemento diferencial fronte ao resto da oposición ao franquismo, empezando polo PC, xa que tiña un marcado carácter como espazo para o intercambio desigual que pola súa propia xenética agrandaría as diverxencias centro-periferia.

A onde nos conduciu este camiño, xa o estamos padecendo. Agora somos conscientes da urxencia de cambiar este modelo, cambiar radicalmente as institucións que pilotan a economía da Unión e deseñar novas políticas dentro dunha Unión Europea da que xa se cuestiona o seu futuro. Ou se avanza sobre unha federalización máis completa, recoñecendo a todas as nacións que como Galiza a integran e a súa soberanía, ou o futuro seguirá sendo incerto e cada vez a situación máis insostíbel.

 

 

Artigo de opinión sobre Galiza e a crise europea

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación  Provincial de Lugo

 

Europa non era a panacea para Galiza