Quen protexe o noso patrimonio?

Quen protexe o noso patrimonio?

A nefasta política do PP na Xunta de Galiza en materia de xestión do noso patrimonio cultural está quedando patente día tras día, amosándose incapaz para resolver moitas situacións de grave ameaza para bens materiais importantísimos para a nosa historia e tamén totalmente incapaz de pór en valor aqueles bens máis recoñecidos e protexidos.

Tras o incendio do santuario da Virxe da Barca, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, afirmaba que vai ser recuperado “custe o que custe” e se licitará de inmediato a súa rehabilitación e reconstrución. É comprensíbel que unha administración amose a súa sensibilidade ante un suceso así pero Feijóo amosou un nivel de dilixencia e compromiso que renxe moito xa que esta premura e decisión non a amosa en moitas outras ocasións nas que se lle solicita á Xunta a súa actuación para tratar de salvar bens patrimoniais e culturais.

Pero está claro que as palabras de Feijóo en Muxía correspóndense claramente coas dun político populista, que diante dun suceso traumático que centra a atención mediática non dubida en posicionarse como o defensor do patrimonio, lembremos que eclesiástico, tratando de sacar rédito político a unha desgraza.

Non obstante, e para evidenciar a nefasta política en materia cultural da Xunta de Galiza, temos numerosos exemplos para demandarlle ao máximo mandatario galego unha política clara de implicación co noso patrimonio cultural, xa que se cadra é Lugo onde temos un maior número de elementos patrimoniais ameazados e onde os nosos bens contan cun maior desleixo por parte da administración con competencias na materia, a Xunta.

De todos é coñecido o caso máis flagrante e que ten a ver co monumento máis importante e recoñecido que Lugo posúe: a muralla. A fortificación romana, símbolo da cidade e polo de atracción de turismo, pasou máis de un ano cuberta de herbas e maleza sen recibir o tratamento axeitado porque a Xunta de Galiza non o custeou e, cando se realizou, foi a comezos do outono coa principal tempada turística xa rematada. Outra demanda histórica, que foi atendida con anos de retraso e que por fin temos que celebrar, é a instalación do alumeado interior, unha mellora “a todas luces” necesaria e solicitada pola poboación lucense.

Na propia cidade temos tamén o antigo cuartel de San Fernando, que a Xunta manifestou que non quería facerse cargo deste histórico edificio, declarado BIC. Esta actitude non so vulnera os acordos tomados no seu día polos responsables políticos da Consellería de Cultura, senón que tamén é un xeito de eludir a súa responsabilidade ao desfacerse da súa conservación, que ten o agravante de estar este edificio en estado ruinoso en moitas das súas partes.

Os exemplos sucédense máis alá da propia cidade de Lugo. Os restos arqueolóxicos de Coeses, cuxa conservación fronte ao trazado da autovía A-54 foi demandada por numerosos colectivos culturais e sentou unha fonda polémica, van rematar por ser destruídos polas obras desta vía de comunicación, levándose consigo un conxunto arqueolóxico único e que permitiría, coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo, despexando incógnitas sobre as tradicións mortuorias até o de agora practicamente descoñecidas.

Coma estes temos exemplos, por desgraza, a fartar, coma o caso da igrexa de Vilasouto, no Incio, practicamente a piques de derrubarse, e diante do cal a Deputación de Lugo ten que tomar as rendas no proceso de solución pola inoperancia da Xunta de Galiza. Por todo isto, reclamamos a adopción de liñas claras de protección do noso patrimonio e que a escusa da mala situación económica non leve a perder elementos singulares da nosa historia para sempre.

 

Artigo de opinión sobre a política de protección de patrimonio da Xunta

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

Quen protexe o noso patrimonio?