Como país temos un dereito de noso
No pasado mes de decembro cumpríase o 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galiza, cuxa publicación supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que até entón só se puido manifestar a través do costume. Foi esta compilación, de feito, das primeiras compilacións que existiron no Estado español, xa que antes só se fixeran a de Álava e Biscaia, a de Cataluña e a de Baleares.
É a realización desta Compilación un fito historia da lexislación no noso país, xa que, tras a aprobación da Constitución de 1978, Galiza quedaba enmarcada entre as comunidades autónomas ás que a lei fundamental outorgaba competencias lexislativas en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do seu Dereito propio. É dicir, constitúe o xermolo e a principal razón de ser de que Galiza e o seu Parlamento teñan hoxe competencias en materia de Dereito civil. Por iso debemos ser conscientes da importancia que ten para o noso país que posúamos un corpus lexislativo de noso, e que grazas a termos unha Compilación no seu día, hoxe en Galiza podemos lexislar sobre aspectos tan nosos e particulares como a familia ou as sucesións.
Ao longo do ano pasado, con motivo desta efeméride, fóronse celebrando en Galiza diversos actos como charlas ou cursos, dos que Lugo tamén tivo a oportunidade de acoller grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, institucións que ao mesmo tempo realizaron unha exposición bibliográfica e documental que itinerará este ano polas principais cidades galegas, onde Lugo non será unha excepción. Con esa exposición, que en breve recalará en Lugo, preténdese que ademais de celebrar unha data simbólica se espalle polo noso país a importancia que ten que posúamos un corpus lexislativo de noso, galego, e que a cidadanía poida ser consciente de que grazas a termos unha Compilación no seu día, hoxe en Galiza podemos lexislar sobre aspectos tan nosos e particulares como a familia ou as sucesións.
A exposición 50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galiza que poderemos ver en Lugo trata de amosar a través de fotografías, documentos e libros, na súa maioría procedentes dos fondos da propia Biblioteca Concepción Arenal da USC, os fitos fundamentais que explican a orixe, a razón de ser, o contido e as implicacións dun texto que naceu sen vocación de grandeza e ao que o destino ten posto nun lugar destacado.
Sérvenos esta exposición e esta efeméride para reflexionar sobre a importancia de contar no noso país con ferramentas propias para desenvolvernos. É fundamental que para atallar os nosos problemas e proxectar as nosas potencialidades teñamos dende a nosa propia lexislación, ata o noso propio goberno. Isto é falar de soberanía en todos os sentidos. Unha necesidade que xa percibiron aqueles pioneiros que decidiron compilar as leis galegas hai 50 anos atendendo ás súas particularidades con respecto a outras normas doutros lugares.