As dúbidas do PP ofenden á cidadanía
Sinceramente non sei quen foi o asesor do PP que deseñou parte das últimas propostas gubernativas do PP a nivel do estado español. Ou é un infiltrado pola oposición para desgastar ao goberno popular, ou é un novato na enxeñaría política, ou senón non se explica como a pesar do gran desgaste, debido á nefasta xestión da crise, do partido do goberno deciden sacar á rúa dúas medidas que non só contan co rexeitamento da cidadanía, senón que nin sequera saen co respaldo dos propios cadros políticos do PP. Refírome, como non, ao anteproxecto da lei do aborto e ao copagamento das menciñas dos doentes crónicos.
Un anteproxecto de lei que puxo a dirixentes e sobre todo militantes e simpatizantes en pé de guerra contra o aparato cavernícola madrileño, que está sendo contestada por organismos e institucións a nivel internacional e que está inducindo, segundo as últimas estatísticas publicadas, unha onerosa caída na intención de voto que o retrotrae ata niveis inferiores ao principal partido da oposición, algo que había tempo que non ocorría. Mais non é este a única espiña no pé dun presidente sen carisma, nin ideas, nin ilusión xa que a resolución do 10 de setembro de 2013, está a ser contestada do mesmo xeito por todos.
Unha resolución que impoñía o copagamento de máis de 150 menciñas dispensadas polas farmacias hospitalarias para doentes crónicos que sofren cancro, VIH, hepatite... Un copagamento que fixa no 10% do custe do medicamento, cun tope de 4,20 por envase e un límite que depende da súa situación persoal, e que sen dúbida se converte noutro imposto á enfermidade propio dun goberno insolidario e cruel, que abusa dos máis febles.
Varios baróns autonómicos populares decidiron opoñerse á medida de diferentes xeitos. Hainos que decidiron impugnar a resolución pola vía contencioso-administrativa, como Castela e León, quen aplicará a medida pero asumirá a factura dende as arcas autonómicas, como Castela-A Mancha e outros, hainos que teñen dúbidas do que farán, como Valencia, e hainos que por desgraza teñen moi claro a liña a seguir como Galiza.
O Sr. Feijóo volve a converterse no Delegado do Goberno máis aplicado de cantos o PP ten no estado español, admitindo a xerarquía normativa sen cuestionarse se a mesma é inxusta ou ilegal e que tanto en palabras desta semana da conselleira do ramo como do Vicepresidente da Xunta se aplicará en canto se poida.
As políticas do PP dende a súa entrada no goberno do estado foron repudiadas pola maioría dos cidadáns. Estas dúas medidas, nin nos van sacar da crise, nin foron demandadas por ninguén, agás o sector máis retrógrada e ultraconservador da Igrexa Católica, nin contan co respaldo de ningún organismo consultivo a nivel estatal ou internacional (todo o contrario). Moitos membros do seu partido pediron unha marcha atrás pero as vacilacións do aparato non fan máis que ofender á cidadanía.
Artigo de opinión sobre o copagamento das menciñas dos doentes crónicos
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo