POR QUE O CONCELLO DE LUGO NON TEN ORZAMENTO?
A NECESIDADE DE VALENTÍA, DE TRANSPARENCIA E DE EFICACIA NA XESTIÓN.
O BNG non aprobou os orzamentos do concello de Lugo para este ano 2014. As razóns que nos levaron a tomar esta decisión están motivadas pola incapacidade do goberno socialista de Orozco de facerlle fronte ao día a día da xestión municipal.
No acordo de orzamentos de 2013 o BNG puxo unha serie de condicións, todas elas centradas en incrementar o benestar de quen menos teñen e de aumentar a participación de veciños e veciñas na vida política do concello. O obxectivo fundamental para o Bloque é que as persoas que viven en Lugo conten co apoio institucional que precisan cando carecen de recursos para manteren unha vida. Para o BNG é importante que a xente poida participar na toma de decisións de temas tan relevantes como en que se gastan os cartos do concello, os cartos de todas e todos os lucenses.
Os obxectivos plantexados polo BNG non foron en ningún momento prioritarios para o PSOE. Orozco, e o seu equipo, foron incapaces de sacar adiante ningunha das propostas do BNG. Persiste, sen que se faga nada, unha excesiva burocratización e ralentización dos servizos sociais (derivada en grande medida da ausencia do persoal técnico necesario para facerlle fronte ao incremento de solicitudes de atención social).
En todo un ano non foron quen de poñer en marcha un modelo de orzamentos participativos, un mecanismo que se demostrou moi útil para incrementar a participación veciñal alí onde se teñen aplicado. Pero é que tampouco foron quen de realizar ningunha das obras que para o BNG e para os barrios son prioritarias, como o ascensor do Sagrado Corazón, a ponte do Mera en Orbazai ou as dotacións da nova praza da Milagrosa.
Eses obxectivos son tamén os que ten o BNG para 2014. O primeiro paso foi propoñer bonificacións no recibo da auga e do lixo para aqueles lucenses con menos recursos. Tamén que paguen máis IBI (contribución) quen máis e mellores propiedades teñen. Nada lle valeu ao PSOE, e así seguirá habendo persoas ás que lles corten a auga e a quen lle embarguen o piso por non pagar, pero ao goberno municipal iso parece non importarlle.
Son moitos os exemplos da incapacidade política e de xestión do equipo socialista. As subvencións para o alugueiro de vivendas de 2013 non se adxudicaron ata finais do mes de decembro, e as subvencións ao mundo asociativo lucense están sen pagar.
E agora pretenden facernos culpables aos demais da súa incapacidade. Non foron quen de xestionar a mínima parte do orzamento de 2013, pero din que, como os de 2014 están prorrogados, non pode haber subvencións nominativas. Lástima que quen ten o obriga de xestionar esta cidade se escude na mentira. Unha mentira que van repetir durante todo o ano. En lugar de poñer sobre a mesa traballo o que poñen son mentiras. Porque é mentira que non se poidan facer novas obras ou que non poida haber subvencións. O que teñen que facer é levar as propostas a debate no pleno e buscar acordos para sacalas adiante. E aí vai estar o BNG para apoiar as propostas que sexan boas para Lugo. Fixémolo desde o concello e tamén desde a Deputación e ímolo seguir facendo.
A ausencia de capacidade política e de xestión dos socialistas de Lugo é evidente. O Sr. Orozco aparece agachando a cabeza ante Luis Lamas, Presidente de Sogama, quen acaba xunto coa Xunta de subir unilateralmente a taxa que o concello de Lugo ten que pagar por recoller o lixo. E que fai o alcalde? Dicir que eses cartos os van pagar os veciños e as veciñas de Lugo, cando outros xa se están negando a facelo. Submisión política e falta de xestión. Esta é, a día de hoxe, a realidade da nosa cidade.
Paz Abraira Sobrado
Voceira do BNG no concello de Lugo