A fraude de Alimentos Lácteos

A fraude de Alimentos Lácteos

Se hai un único e principal responsábel da fraude que constituíu, desde 2009, a adquisición da factoría de Pascual en Outeiro de Rei polo grupo de cooperativas que formaron Alimentos Lácteos, ese é o Partido Popular.

A historia comeza, como falamos, en 2009 cando o grupo Pascual se desfai da planta de envasado de Outeiro de Rei. Logo diso, un grupo grande de cooperativas galegas con implantación no territorio e con experiencia na comercialización, como FEIRACO, mostra un interese público por facerse con esa planta, no que parecía a oferta máis viábel pero que ao final non callou. E a que se debeu isto? Á presión do PP na Xunta de Galiza, que non avalou esta proposta e se decantou por unha pequena parte das cooperativas controladas por dúas persoas afíns ao PP: Eugenio Montero, tenente de alcalde de Touro pertencente á cooperativa La Arzuana, e Arcadio López, que foi portavoz do PP, tenente de alcalde e alcalde na Pastoriza, e presidente de Gancobre.

Despois de aínda non 4 anos de vida xa vemos en que acabou esta manobra partidista: a empresa en concurso de acredores recoñecendo perdas de 15 millóns de euros, despois de ter fundidos 9 millóns de euros de axudas públicas sen que a Xunta se responsabilizase de fiscalizar estas subvencións nin sequera esixir unha simple auditoría para coñecer a situación de Alimentos Lácteos.

En resumo: a quebra de Alimentos Lácteos, proxecto amparado polo gran xestor Núñez Feijóo, deixa un regueiro de 15 millóns de euros de débedas recoñecidas, arredor de 1000 produtores e produtoras a quen se lle adebeda o leite de varios meses, 9 millóns de euros de axudas públicas queimados, 100 traballadores e traballadoras da planta de envasado sen emprego e aos que se lle deben 700.000 euros en salarios e indemnizacións, e varias cooperativas nunha situación realmente crítica.

Agora, en situación de concurso de acredores, e con Eugenio Montero e Arcadio López sentados no banco dos acusados pola no Xulgado do Mercantil de Lugo para responder pola demanda que interpuxo contra eles o administrador concursal da empresa de base cooperativa por retribucións indebidas, érguense voces dentro da propia empresa que afirman que levarán á Xunta de Galiza ante a Xustiza como responsábel da quebra.

Desde o BNG temos claro que esta é a única forma de ver a desfeita: A constitución da empresa foi avalada pola Xunta de Galiza, quen impulsou e amparou o proxecto Alimentos Lácteos para arranxar un problema político, económico e social e que declarou estratéxico a efectos do seu financiamento. Polo tanto, xa que a súa constitución foi unha cuestión política, política ten que ser tamén a súa solución.

Por este motivo, o BNG, presentou xa varias iniciativas parlamentarias para conquerir respostas por parte da Xunta de Galiza sobre as decisións políticas do Goberno e o Partido Popular e a súa vinculación cos responsábeis da xestión de Alimentos Lácteos e, tras xuntarse con sindicato FRUGA e as restantes forzas da oposición no Parlamento Galego, demandarase unha comisión de investigación no Parlamento para chegar a depurar as responsabilidades políticas pertinentes.

 

Artigo de opinión sobre a quebra de Alimentos Lácteos

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

A fraude de Alimentos Lácteos