A LOMCE, unha lei contra o ensino público
As principais organizacións estudantís veñen de anunciar para o vindeiro 20 de febreiro unha convocatoria de folga en todos os niveis de ensino (de 3º da ESO para arriba), a primeira de 2014, contra a nova lei de educación: vanse realizar de xeito simultáneo 20 manifestacións nas principais 7 cidades galegas e noutras restantes 13 vilas de toda a nosa xeografía baixo o lema En pé por un ensino público galego.
Nós, desde o BNG, unha vez máis imos apoiar estas convocatorias e situarnos do lado que estivemos sempre, na defensa dunha educación pública e de calidade, que garanta o acceso universal para todas e todos independentemente do seu poder adquisitivo.
Somos conscientes de que a mocidade estudantil galega quere rexeitar desta maneira os innumerábeis recortes e reformas impostas á educación pública (recorte e supresión de bolsas, suba das taxas universitarias, redución de servizos e copagamento dos comedores públicos, minimización do limite de prazas, etc.) sobre o pretexto dunha crise económica, na que, de xeito paradoxal, aumentan as ganancias das grandes elites económicas e invístese diñeiro público en rescatar bancos ou manter iniciativas privadas ao tempo que se nos di que temos que "apertar o cinto" e aceptar os recortes.
Uns exemplos disto serían a recente eliminación das bolsas Erasmus a quen é receptor das MEC; estas últimas foron unha desagradábel sorpresa para as universitarias e universitarios, xa que moita xente viu negadas as súas solicitudes ou concedidas nunha medida moito inferior á que deberían.
A famosa lei de Wert ou LOMCE pretende profundar e impor pola vía da legalidade este desmantelamento programado da educación pública ao tempo que implementa unha campaña españolizadora e uniformizadora que perpetúe esa cárcere de pobos que é España. Así, vemos como na contrarreforma educativa, a nosa lingua é relegada a un plano moi secundario e a nosa realidade nacional fica fóra de todo o programa educativo, centralizando os temarios a nivel estatal e anulando as xa de por si pequenas competencias en materia educativa da Xunta de Galiza.
Por todo isto, desde o BNG e tamén desde a Área de Ensino da Deputación de Lugo reafirmamos o noso apoio a estas reivindicacións e manifestamos a nosa postura frontalmente contraria á nova lei de educación que pretende impoñer un goberno do PP cada vez máis escorado, sen titubeos, á estrema dereita. A resposta na rúa, como se demostrou nos últimos tempos diante dos casos de Burgos ou da Comunidade Madrileña, pode botar atrás as decisións políticas que van contra o pobo e, por primeira vez en tempo, o PP é consciente de que unha maioría nas urnas non é un cheque en branco para gobernar ao seu antollo.
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo