Divide e vencerás!
O maior éxito da política realizada polo Partido Popular nas distintas administracións nas que goberna é a división da sociedade como caldo de cultivo para aplicar os máis variados recortes. Aínda que o PP é alumno avantaxado na aplicación de políticas neoliberais, tampouco hai que eximir de culpa ao PSOE da 2ª lexislatura de Zapatero. Non tiveron que facer moito esforzo para convencer á cidadanía de que os funcionarios públicos eran (eramos, pola parte que me toca) unha panda de vagos, privilexiados e sambesugas, vaia, o peor da sociedade, por suposto sempre detrás dos políticos (non me quero imaxinar que pensará a xente das persoas que cumprimos ámbalas dúas premisas!). Así que, naquelas circunstancias, as distintas medidas de recortes de salarios e eliminación de pagas extra foi aplaudida por traballadores da empresa privada, autónomos...
Titulei o artigo cun refrán e podería continuar con outro. Moitas desas persoas non se decataron daquel que di: cando as barbas do veciño.... Efectivamente trala diminución do poder adquisitivo dos funcionarios veu a redución e peche de pequenos negocios (consecuencia magnificada nun Lugo onde a porcentaxe de funcionarios é superior á media) e as baixadas de salarios e das condicións laborais dos traballadores da empresa privada. Nese intre, a división e o envelenamento era tal que algún coitado funcionario se aledou destes males como vinganza persoal.
Os nacionalistas advertímolo e o tempo deunos a razón, como tamén rematou por demostrar que as privatizacións non reducen o custe dos servizos, senón todo o contrario, ofrecendo a maiores unha peor calidade na atención ao cidadán.
Dito isto, volvamos ao comezo e en concreto á eliminación do poder adquisitivo dos funcionarios. Os nacionalistas denunciamos e intentamos evitar a implantación daquel Real Decreto Lei 20/2012 publicado o 14 de xullo de 2012 no que se eliminaba a paga extraordinaria de decembro para os traballadores da función pública (naquel paquete de recortes, por certo, quedaba excluída a fracasada candidatura da capital do Imperio Español ás olimpíadas de 2020).
De novo nos quedamos en solitario nas nosas esixencias e o Xulgado Contencioso Administrativo nº 10 de Sevilla recoñeceu a obriga do Goberno Central de devolver a paga extra de decembro íntegra retirada en 2012 aos funcionarios de Xustiza. Mais a cousa non remata aí xa que o resto da xurisprudencia neste tema, tanto na orde social (para o persoal laboral ao servizo das administracións públicas), como na orde contencioso administrativa (para os funcionarios), está sendo unánime en recoñecer, polo menos, o dereito ao cobro da parte proporcional da extra xa devindicada no momento da entrada en vigor do devandito Real Decreto Lei baseándose na irretroactividade das normas e na seguridade xurídica dos cidadáns, principios ambos recollidos na Constitución.
É por fin o momento de que os cidadáns de a pé nos comecemos a aledar das pequenas boas novas do veciño, buscando unha complicidade e solidariedade da clase traballadora totalmente perdida, aínda que só sexa polo egoísmo de pensar en que se ao veciño lle vai ben, máis probabilidades terei de que me vaia ben a min.
Artigo de opinión sobre a paga extraordinaria eliminada aos funcionarios no 2012
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo