A volta ao mundo en 80 días
O goberno do Partido Popular no Estado parece que non ten pensado saírse da folla de ruta que se marcou dende a súa chegada ao poder en novembro de 2011: un recorte en dereitos e conquistas sociais sen precedentes. Entre esas medidas de destrución do Estado de Benestar, o Goberno central, por medio do Real Decreto-Lei 16/2012, eliminou o dereito á atención sanitaria universal, quedando reservado única e exclusivamente para aqueles que teñan a súa residencia no Estado español, e con iso negándollo a todas as persoas que se trasladen ao estranxeiro e que permanezan fóra do Estado por máis de noventa días consecutivos.
Milleiros de cidadás e cidadáns víronse obrigados, principalmente pola falla de expectativas laborais en Galiza e España, a emigrar e cambiar a súa residencia a outros estados. Segundo datos do INE, só no ano 2013, arredor de 600.000 persoas abandonaron o Estado. No caso de Galiza, un total de 12.854 galegos e galegas emigraron no primeiro semestre de 2013, dos cales 5.680 fixérono ao estranxeiro e 7.174 a outras zonas do Estado.
Pero eses datos fican máis escandalosos se nos referimos á mocidade. As políticas de recorte do PP non dan marxe á xente nova, chegando a rexistrarse en Galiza taxas de paro xuvenil do 52 por cento e, en consecuencia, unha emigración masiva da mocidade galega desde o inicio da crise. Estamos a falar de máis de 70 mozas e mozos de entre 20 e 34 anos que emigran cada día dende Galiza, que se suman aos 80.000 que xa o fixeron nos últimos catro anos, pese a pertencer á xeración mellor formada da historia do noso País.
O Partido Popular, coa nefasta política en materia de emprego que está a desenvolver tanto dende o Goberno central como dende a Xunta de Galiza, non só obriga á cidadanía a marcharse ao estranxeiro, senón que ademais, no seu afán de recortar en dereitos sociais, deixa sen cobertura sanitaria a aqueles que se ven obrigados a saír do país en busca dun futuro laboral que, por adiantado, o PP non lles augura.
Estamos ante unha nova decisión adoptada de xeito unilateral polo goberno dos populares no Estado, e sen contar co goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta dende Madrid sen importarlle a repercusión lesiva que esta poida ter para os dereitos das galegas e dos galegos.
Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que non é de recibo que á destrución masiva de postos de traballo derivada das políticas antisociais e centralistas do Partido Popular e que eles mesmos achacan á crise e ao auxe do sistema capitalista, e que están a empobrecer cada vez máis ás maiorías sociais e a Galiza, se lle sume agora unha nova merma aos nosos dereitos como cidadáns: a desposesión do dereito á asistencia sanitaria a aquelas persoas que, de seguro, gustarían de poder vivir e traballar na súa terra.
Parece que xa no século XIX, Julio Verne predicía este novo ataque do Partido Popular, programando a Volta ao mundo en 80 días, deixando dez días de marxe, por aquilo de que se complicara a viaxe, para non perder os dereitos sanitarios.
Artigo de opinión sobre a eliminación do dereito á atención sanitaria universal
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo