Galiza ás escuras
650.000 persoas en situación de pobreza, 120.000 en estado de pobreza severa; 93.000 fogares con todos os seus membros no paro, e máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos. Esta é a cruenta realidade de Galiza. Unha realidade que é resultado de recortes, copagamento nos servizos públicos, restrición no acceso á sanidade, redución nas prestacións por desemprego, ao que hai que sumar a futura eliminación de servizos que se prestan nos concellos, por causa da reforma local, ou as reformas que hai aos subsidios por desemprego ou ás pensións. Unha serie de medidas que se agravan coa permanente redución dos orzamentos do Estado español e da Xunta, e que, co encarecemento da enerxía, o desemprego ou a falta de recursos económicos, provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral.
A día de hoxe, hai que engadir un novo factor á vulnerabilidade que xa sofren moitas familias galegas: a pobreza enerxética. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, durante o ano 2012, foron 1,4 millóns de familias as que padeceron este corte no subministro. Cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueres ou servizos básicos como a luz, o gas... ou simplemente poder alimentarse.
Esta situación, en pleno inverno, faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos. Países europeos, como Francia, limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo da luz. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña acaba de prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza. Mentres, en Galiza, aos niveis de pobreza xa existentes engádenselle as duras condicións climatolóxicas que estamos a padecer neste inverno, polo que se agradecería que a Xunta de Galiza adoptase medidas diante desta problemática para evitar as súas dramáticas consecuencias.
O goberno do Estado español xustificou o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario, argumentando que o prezo da electricidade non cubría os custos de produción. Porén, isto é falso. A trampa residía na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como pool eléctrico. Antes da liberalización do sector, ligouse o prezo da enerxía ao custo real de produción de cada unha das tecnoloxías; e até o de agora o prezo final dependía da última oferta en ser aceptada, xerando uns beneficios esaxeradamente elevados aos propietarios desas instalacións de produción.
Desde o BNG opoñémonos con absoluta rotundidade a estes incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas mentres galegas e galegos se ven privados da electricidade ao non poder facer fronte ao seu custo, cando Galiza é excedentaria na produción desta enerxía e padece os custos sociais e medioambientais que isto supón, sen obter ningún beneficio desta condición; e avogamos por unha reforma integral da normativa do sector eléctrico que exerza un maior control nun servizo básico como o subministro eléctrico aos fogares.
Artigo de opinión sobre a tarifa eléctrica
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo