Se eu fose Ministro de Educación...
Parece que o Partido Popular é sinónimo de privatización de servizos públicos. Presumen de gobernar para a cidadanía cando non fan máis que poñerlle lastres. Exemplo dese afán do PP por privatizalo todo é o anteproxecto de Lei de Reforma Integral dos Rexistros que está a preparar o Goberno do Estado, e que de aprobarse, trasladaría as competencias do Rexistro Civil aos rexistradores da propiedade, o que na práctica se traduce na privatización dun servizo que prexudica á maioría da poboación.
Cando me refiro á maioría da poboación, refírome a toda menos aos 750 rexistradores da propiedade, entre os que se atopan o propio Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a nora do Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, que serán os grandes beneficiarios desta medida do Goberno Central, xa que esta lei obrigará á cidadanía a pagar por todas as inscricións e certificacións que até o momento son gratuítas, porque son prestadas por funcionarios públicos sen ánimo de lucro. Con esta lei impulsada por Gallardón estas funcións pasarán a mans dos rexistradores da propiedade e mercantís que cobrarán polos mesmos servizos.
Coa privatización dos rexistros civís que eran públicos e gratuítos dende 1870, o Partido Popular está entregando aos rexistradores da propiedade a súa explotación empresarial a cambio dun novo tributo que pagaremos todos os cidadáns e todas as cidadás, ben sexa de xeito directo ou indirecto. Así, o Ministerio de Xustiza, despois de investir preto de 130 millóns de euros de cartos públicos en modernizar as aplicacións informáticas dos rexistros civís, fai entrega, aos rexistradores da propiedade, dun negocio redondo, co que poderán chegar obter uns ingresos de 180 millóns de euros ao ano.
Con esta reforma, que pon de manifesto o corporativismo de Rajoy e o seu partido, o lobby dos rexistradores pasará a controlar dende o noso nacemento até a nosa morte, todos os datos da nosa vida, até os máis íntimos, os protexidos, pasarán a mans privadas, fóra do control público, e custándolle cartos ás cidadás e aos cidadáns.
Pero esta medida non só someterá á cidadanía a unha nova carga fiscal, senón que, ademais, afectará de forma directa a arredor de 3.500 persoas, 3.500 postos de emprego público que pon en perigo esta nova lei que propoñen desde o Partido Popular.
A miña pouca capacidade memorística impediume ser rexistrador da propiedade, quedándome nun simple profesor de ensino secundario. Por outra banda, dubido que chegue algún día a ser Ministro de Educación, mais se o fose, tede claro unha cousa, a materia de Tecnoloxía, a miña especialidade, sería obrigatoria no currículo dende infantil ata segundo de bacharelato.
Artigo de opinión sobre a privatización dos rexistros civís
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo