Un paso adiante e outro atrás...
Non é precisamente un paso adiante e outro atrás, pero o título, que recorda o primeiro verso do poema Penélope, do poeta chairego Díaz Castro, describe á perfección esa dificultade que hai na Galiza de avanzar cara adiante, de dar pasos firmes, reais, definidos. Máis aínda cando se trata de algo de seu, como a lingua, respecto á que o goberno do Partido Popular non fai máis que dar pasos atrás, ou pasos en falso, como se de algo nocivo se tratase.
E isto vén a que o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa do pobo que chegou ao Hórreo respaldada pola sinatura de 17.000 persoas, a ILP Paz Andrade, que promulga a difusión en Galiza da lingua e cultura portuguesas. Até aquí todo parece positivo, e seríao ao cen por cento se non fose porque o Partido Popular, para non perder o costume, modificou os tres artigos que figuran na proposta.
As modificacións introducidas polos populares son lamentábeis, xa que a iniciativa presentada era un texto de mínimos. Estes cambios afectan á eliminación do punto que condicionaba a aplicación da ILP Paz Andrade a catro anos dende a súa aprobación como lei. Un prazo que segundo o PP non era realista, e polo que foi modificado por un nada concreto progresivamente. A isto hai que sumarlle a modificación do artigo 2 da ILP, que xa non establece que o portugués sexa un mérito no acceso a empregos públicos, reducíndose a que a Xunta debe fomentar o coñecemento desta lingua entre as empregadas e os empregados públicos.
O galego e o portugués parten do mesmo tronco lingüístico, e limitando o uso do portugués en Galiza tamén se están a limitar as posibilidades reais da nosa lingua, é máis, afastando o galego e o portugués o goberno non fai máis senón incidir nos prexuízos para o idioma propio e facer máis profundos conceptos como a galegofobia ou a lusofobia
As últimas cifras oficiais que a Xunta facilitou , no ano 2012, acreditan a precariedade na que se atopa o portugués no ensino, de maneira que só 22 centros ofertan a aprendizaxe deste idioma como estranxeiro e só 3 seccións bilingües inclúen como lingua vehicular o portugués (e isto grazas á implicación e ao altruísmo do profesorado), mentres que a versión internacional do galego só se oferta en 8 escolas de idiomas.
Dende o Bloque Nacionalista galego apoiamos a preocupación que está a amosar a cidadanía polo futuro da nosa lingua e somos totalmente contrarios a un proceso de normalización lingüística que nos está a levar a unha situación límite coa perda de persoas que utilizan habitualmente o idioma galego e estamos convencidos de que a ILP, aínda tendo en conta os termos nos que foi aprobada, reforzará en positivo a tendencia negativa do noso idioma, posto que calquera achegamento á lusofonía convértese en elemento clave de cara a restitución e recuperación de espazos da nosa lingua.
E nese achegamento á lusofonía traballamos dende a área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, coa posta en marcha, dende fai tres anos, de obradoiros de iniciación ao portugués nos centros de ensino públicos, para que a cidadanía, dende idades temperás, goce dunha vantaxe lingüística que repercutirá moi positivamente no desenvolvemento social, económico e cultural do noso país.