A raza galega

A raza galega

Mario Outeiro (524x786)

Cando escribo raza galega, refírome ás razas autóctonas de gando vacún, non a Galiza nin aos galegos, aínda que a animadversión do goberno de Feijoo respecto ao noso país aumenta cada día en todos os niveis. E proba diso son os recortes e máis recortes que vén implantando a Xunta de Galiza dende a chegada do Partido Popular, e que desta vez afectan ao sector primario, tan estendido na Galiza.

Un sector bastante máis valorado cando na Xunta gobernaba o bipartito, xa que en abril de 2008, a Consellería do Medio Rural, sacaba unha liña de axudas dirixidas aos titulares de explotacións gandeiras de razas autóctonas, que desenvolveran actuacións destinadas á produción baseada nos recursos naturais dispoñíbeis, en consonancia coas políticas que recomenda a Unión Europea: unha produción agraria máis acorde co medio natural e satisfacción da demanda de alimentos sans e de calidade.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos: por unha banda os gandeiros comprometíanse a cumprir medidas relacionadas coa hixiene e sanidade animal, co axeitado mantemento da superficie agraria e coa promoción de razas autóctonas; e por outra, a Consellería comprometíase ao pago de ata 156 euros por animal reprodutor.

Dende que o PP asumiu o goberno galego comezou un constante recorte dos importes que viñan recibindo os labregos, recorte que no 2011 xa chegou ao 45% sobre a cantidade aprobada inicialmente. E na campaña correspondente ao ano 2012 (que é a que aínda agora se ven de resolver), é cando se mostra o desprezo máis absoluto polos gandeiros galegos: redúcese o importe destas axudas máis dun 75% e por riba, cambian unilateralmente e sen xustificación a avaliación dos criterios feita na convocatoria. Así, das 1064 explotacións que reuniron os requisitos no 2008 e viñan cumprindo os compromisos adquiridos, e polo tanto percibindo a axuda comprometida, pasan a ser 158 as explotación que recibirán agora a axuda correspondente ao 2012, último ano do compromiso acordado.

Os labregos cumpriron a súa parte do acordo e se algún deixou de facelo inmediatamente retiróuselle a axuda, coa obriga de devolución do importe íntegro percibido incrementado cos xuros de demora dende o seu pagamento; a Xunta incumpriu: de cada cinco gandeiros que tiñan aprobada a axuda, catro non a van percibir.

Estas medidas afectan de forma máis relevante ás comarcas de montaña, fundamentalmente de Lugo e Ourense, en moitas das cales, estas explotacións en extensivo que teñen ademais o valor engadido de teren recuperado razas autóctonas de vacún de carne e contribuído a manter o noso patrimonio xenético e cultural, son a única actividade que se mantén no sector primario.

Dende o BNG cremos necesario deter esta agresividade con que a Xunta de Galiza actúa contra o vacún de carne, lanzando pedras contra o seu propio tellado. Unha agresividade que se materializa, ademais da denegación de axudas ás razas autóctonas, na non renovación do Contrato de Explotación Sustentable (CES), a paralización do BANTEGAL, a falta de defensa dos intereses das explotacións galegas na próxima reforma da PAC, a constante suba dos custos de produción e o conxelamento dos prezos que reciben as labregas e os labregos, provocando un descenso da renda nas explotacións de carne cada vez máis preocupante.

 

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

A raza galega