Do soño da Intermodal á realidade da estación de autobuses actual
Lugo foi sempre a provincia galega peor conectada, se de transporte público falamos, e parece que seguirá sendo así por moitos anos mentres o Partido Popular manteña a política que exerce en materia de comunicacións. Unhas deficiencias en infraestruturas que derivan da obsesión amosada, tanto polo goberno do Estado como polo da Xunta de Galiza, por unha alta velocidade que non acaba de chegar, e que concretamente, na cidade de Lugo, se materializa nunha eterna espera pola estación Intermodal, que pretendía ser o centro neurálxico do transporte público de toda a provincia.
Dende o BNG desexamos que a estación Intermodal chegue canto antes, posto que sería unha infraestrutura do século XXI que respondería ás necesidades das lucenses e dos lucenses, máis aínda nunha época de crise na que o uso do transporte público se ve incrementado de xeito moi considerábel, e non o digo eu, nin o di o Bloque, xa que, segundo datos emitidos pola propia Xunta de Galiza, máis de 300 mil viaxeiros utilizaron o transporte metropolitano en Lugo no ano 2013.
Pero a Intermodal a día de hoxe é un soño, e Lugo ten unha crúa realidade: a estación de autobuses actual. Digo actual porque é a que funciona agora, pero pouco ten de actual, xa que se trata dunha construción moi antiga que presenta graves deficiencias estruturais e de equipamento. Unhas deficiencias que, unha vez coñecida a paralización do proxecto por parte do Partido Popular, é necesario arranxar de maneira urxente, acometendo as obras de rehabilitación que sexan precisas para poñer as instalacións á altura do século XXI, dado o elevado número de persoas que transitan pola estación de autobuses de Lugo, edificio dependente da Xunta de Galiza, e sendo conscientes de que esa obsoleta infraestrutura é a primeira imaxe da cidade para moitos visitantes.
Precísase unha intervención inmediata que reforme en profundidade esta estación, unha rehabilitación integral do edificio para que este se equipare ás condicións da maioría das 43 estacións de autobuses que hai en toda Galiza. Non é un capricho, é unha necesidade. Estamos esixindo o que dende fai anos xa gozan noutros puntos do País.
E por se fora pouco, tamén forman parte desa crúa realidade as deficiencias históricas que pacede Lugo e o resto do país en materia ferroviaria, e que ningún goberno, até o de agora, foi capaz de resolver.
Con isto, queda claro que durante a última década, a pesares de que unha alta porcentaxe dos orzamentos do Estado se dedicou á modernización ferroviaria, en Galiza poucos euros vimos para esta finalidade, xa que calquera dos gobernos tanto da Xunta como do Estado que houbo até o momento, obviaron o feito de que na Galiza se concentran a metade dos núcleos de poboación do Estado, polo que o tren, ou calquera outro medio de transporte público, constitúe un elemento fundamental de cohesión social.
Artigo de opinión sobre a estación de autobuses de Lugo
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo