Suárez, primeiro presidente dunha democracia que nega ás nacións o poder de decidir
Non sei se por tradición, se polo que dirán, se porque sempre se debe falar ben dos que xa non están, o certo e que na Galiza e no Estado español existe unha cultura bastante estendida de adoración post-mortuoria, que queda patente en casos como o do falecemento do ex-presidente do Goberno español, Adolfo Suárez, que ademais dos actos institucionais organizados ao respecto, recibiu en grandes masas esa adoración que mencionaba.
Suárez foi o último presidente da ditadura imposta polo golpe militar de 1936 e, como polo que máis era coñecido, o primeiro presidente da democracia; iso si, dunha democracia que aínda a día de hoxe nega o dereito a decidir das nacións outorgándolle preponderancia ás elites económicas.
Milleiros de persoas canonizan a figura de Suárez polo decisivo papel que xogou na etapa da transición, cando moitas desas persoas que opinan nin tan sequera tiñan nacido naqueles anos, ou que simplemente son coñecedores dese papel polo que aparece recollido na prensa. Pero sendo obxectivos, a España de Suárez non era desexábel. E digo sendo obxectivos, porque aínda tendo acertos como a legalización do Partido Comunista, cometeu grandes erros como non legalizar na Galiza nin a ANPG nin a UPG, nin outras forzas soberanistas; autorizou o retorno de Tarradellas pero coa única intención de frear á esquerda política; organizou con Abril Martorell e Manuel Broseta a batalla de Valencia, dando folgos a un fascismo banal contra as forzas democráticas; menosprezou outros idiomas do Estado que non fosen o castelán; fixo recortes nunha Galiza con graves problemas económicos e até xustificou asasinatos da man da policía. Ese era Adolfo Suárez, que vendo tan grande homenaxe do pobo trala súa morte, era un gran descoñecido, ou se vendeu unha imaxe del que non era tal.
Non só na súa etapa activa non tivo un papel tan transgresor como algúns nos queren facer ver, senón que ademais, a súa morte representa un retroceso no eido político, retrotráenos ao poder do juancarlismo, dándolle un pulo aos sectores monárquicos, e pondo de manifesto unha España eterna e inmutábel que non é tal.
E volvendo a esa adoración post-mortuoria, que dicir do cinismo das forzas políticas como o Partido Popular, que herdou aos que outrora se dedicaron a facerlle a vida imposible na súa propia casa, ou o PSOE, que o tratara sadicamente, ou incluso o propio Rei, que o utilizou no seu propio beneficio. No fondo, Suárez foi unha vítima máis do sistema, un títere, que no seu momento utilizaron para levar a cabo iso que lle chaman transición cara un modelo de democracia que, por razóns sociais ou nacionais, cuestionan moitas galegas e moitos galegos; para logo quitalo ao seu antollo.
Artigo de opinión sobre Adolfo Suárez
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo