Sobre a pouca xustiza da política centralizadora do PP
Cando algúns falan de reforma dos partidos xudiciais, non nos enganemos, en realidade están a falar de dar unha volta completa á administración de xustiza, para estabelecer un tribunal de instancia de ámbito provincial e que será competente en todas as ordes xurisdicionais. Unha reforma que se traduce nun paso máis na regresión da administración de xustiza, iniciada coa implantación das taxas xudiciais, coa intención de dificultar o acceso da maioría das persoas, facer unha xustiza cada vez máis inaccesíbel, arredándoa dunha configuración como xustiza universal, e configurándoa como unha xustiza para a grande banca, as grandes empresas e as persoas con recursos económicos.
Estamos, pois, diante dunha reforma aberrante, que reforza a estruturación provincial e non ten en conta as nosas particularidades sociais, territoriais, demográficas e de asentamento no territorio. No caso galego, esta proposta é terribelmente lesiva polo factor da dispersión poboacional. Ademais, no canto de achegar unha administración a todas as persoas, o que fai é afastala na maior parte do territorio galego.
De implantarse esta reforma, coa que desaparecerían todos os partidos xudiciais de ámbito inferior para concentralo en partidos xudiciais provinciais, ademais de desprazar as segundas instancias aos Tribunais Superiores de Xustiza, as consecuencias reverterían nun duro golpe, nun novo golpe, para as cidadás e os cidadáns, que se materializaría nun evidente alonxamento da xustiza, pois dificultaríase o seu acceso a aquelas persoas que non viven nas grandes cidades da Galiza; así como nun auténtico caos funcional nun eido de dubidosa axilidade a día de hoxe.
Esta é a verdadeira cara do Partido Popular. Unha vez máis queda demostrado de que pé coxea, xa que esta medida vén a sumarse á perda e ao afastamento dos servizos públicos da cidadanía que xa se vén sufrindo en materias como Sanidade, coa posta en funcionamento da Xerencia Única Hospitalaria, deixando, no caso da nosa provincia, con menos competencias aos hospitais das comarcas da Mariña e Sur de Lugo, ou Facenda, restándolle atribucións á Xerencia Tributaria das comarcas mencionadas.
Dende o BNG vimos insistindo en que este tipo de medidas recentralizadoras non fan senón discriminar a aquelas veciñas e veciños que non habitan nas grandes urbes, tratándoos como cidadás e cidadáns de segunda categoría; o que ademais incide de forma negativa nunha taxa de despoboamento da zona rural xa de por si elevada, e o que de seguro conlevará un impacto incuantificable para a economía a nivel local, que xa vén sufrindo innumerables ataques relativos á perda de emprego, froito da política de recorte e austeridade que veñen implantando os populares dende o Goberno de Estado e a Xunta de Galiza.
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo