O ALCALDE DE BARALLA SEGUE "FACHENDEANDO" DA SÚA APOLOXÍA DO FRANQUISMO

O ALCALDE DE BARALLA SEGUE "FACHENDEANDO" DA SÚA APOLOXÍA DO FRANQUISMO

“Está claro que non hai arrepentimento e que González Capón está cómodo no seu discurso de apoio ao franquismo” dixo o voceiro do BNG en Baralla

O BNG sinala que “esto demostra que as manifestacións do alcalde non foron sacadas de contexto, tal e como defendeu o PP”

Baralla, 26 de agosto de 2013. O voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, lamentou hoxe a actitude do alcalde do PP, González Capón, que “continua a vanagloriarse e fachendear da súa actitude de apoio ao franquismo”. Neste caso foi durante a celebración das festas nas patronais da vila. Durante a primeira xornada dos festexos o alcalde foi o encargado de animar a entrega de premios dun concurso gastronómico no que se premiou ao grupo Cara al Sol, colocáronse enormes bandeiras españolas e o xurado estivo formado por tres cregos. Un destes cregos asistiu ao pleno municipal, no que se debatía a petición de dimisión do alcalde, e arengou aos partidarios do alcalde con berros de “ide a Paracuellos” en alusións ás persoas que seguían o pleno municipal e pedían a dimisión de González Capón.

O BNG insiste en reclamarlle á dirección do PP que tome medidas contra este alcalde e deputado provincial que “continua fachedeando” das súas actuacións de apoloxía do franquismo. “Tanto Xosé Manuel Barreiro como Núñez Feijoo teñen responsabilidades en que este alcalde continúe coa súa actitude desafiante ao sistema democrático” dixo o edil do BNG en Baralla, Xosé Manuel Becerra. Para Becerra queda claro que estas actuacións de González Capón, no primeiro día das festas patronais, “deixa claro que non sinte o arrepentimento polas súas palabras que manifestou en reiteradas ocasións” e que “se sinte cómodo no seu discurso de apoio e apoloxía do franquismo”. Segundo Becerra “a gravidade da postura que evidencia o alcalde de Baralla non permite que siga nun cargo institucional da democracia e o PP ten que forzar a súa dimisión”.

Dende o BNG aseguraron que “queda claro que as manifestacións do alcalde non foron sacadas de contexto tal e como se dixo dende o partido popular”. O voceiro municipal do BNG en Baralla, X. M. Becerra, lembrou en que esas afirmacións se realizaron no pleno do 26 de xullo. Xosé Manuel Becerra tamén lamentou a imaxe que se está a trasladar, a través dos medios de comunicación, do concello de Baralla por culpa do seu rexedor.

Mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación

O BNG vai levar unha moción á Deputación de Lugo e aos concellos da provincia para solicitar, ao Partido Popular, a destitución de Manuel González Capón tanto do seu cargo como alcalde de Baralla como do de deputado provincial e, ao mesmo tempo, amosar o apoio dos nacionalistas á rehabilitación pública das vítimas franquistas en cada concello. Para os nacionalistas estas afirmacións “constitúen un ataque a todas as vítimas do franquismo, que só na nosa provincia superan as 3.000 persoas, así como ás súas familias, ao que se suma a actitude lamentábel adoptada neste asunto polos dirixentes do Partido Popular de Lugo e de Galiza, posto que non é suficiente con que lamenten as súas declaracións, é preciso que o destitúan de todos os seus cargos”.

O ALCALDE DE BARALLA SEGUE "FACHENDEANDO" DA SÚA APOLOXÍA DO FRANQUISMO