ANTÓN BAO CRITICA DURAMENTE A CONTRATACIÓN DUNHA ASISTENCIA TÉCNICA PARA O SAN FROILÁN 2013

Antón Bao, na rolda de prensa
ANTÓN BAO CRITICA DURAMENTE A CONTRATACIÓN DUNHA ASISTENCIA TÉCNICA PARA O SAN FROILÁN 2013

 O nacionalista cre que se trata dunha cuestión de vagancia e de incapacidade política

 “O actual goberno municipal non deixa de ser un socialimo acortonado e cara a galería” dixo o portavoz do BNG

 Lugo, a 23 de xullo de 2013.

 O portavoz municipal do BNG no Concello de Lugo criticou duramente en rolda de prensa a contratación por parte da Concellería de Cultura dunha asistencia técnica para a organización do San Froilán 2013, por un montante de case 10.000 € por menos de 3 meses de traballo. O concelleiro respondeu ás declaracións que a actual edil de Cultura, a socialista Carme Basadre, fixo no día de onte onde aseguraba que este modelo de xestión xa se tiña aplicado nas pasadas edicións, tachándoas de “mentira absoluta”, xa que “nunca se contratou a ninguén para a organización exclusiva das festas; as persoas que se encargaron nas diferentes edicións realizaban labores continuas de organización cultural, entre as que estaba a propia organización do San Froilán ou realizaban labores de asesoramento político aprobado ao inicio do mandato”. Así mesmo, o edil nacionalista dixo que se trataba dun caso de vagancia e de pago de favores, ao recaer dita contratación nun ex asesor do PSOE.

Neste liña, o concelleiro incidiu en que se trata de pasos cara a privatización de servizos “e esta vez non é porque lles obrigue o goberno central nin as normativas que está a aprobar o PP” cuestionando abertamente o socialismo do actual goberno municipal ao que tildou de “socialismo de cartón”

Antón Bao explicou que esta asistencia técnica incorpora, entre outras, como labores a realizar segundo proposta do contratado a preparación de los pregos de condicións para a contratación da produción necesaria para o desenvolvemento dos concertos, elaboración dun contrato tipo para salvagardar os intereses do Concello e exercer como representante do Concello ante as distintas empresas.

“Son estas funcións que non se xustifica sexan exercidas por ninguén alleo ao propio concello pola obxectividade, transparencia e seguridade que deben rexer estes actos. Labores que foron realizadas sempre polos correspondentes servizos do Concello: cultura e contratación. Tendo en conta, ademais, que os mencionados pregos de contratación da produción están elaborados dende hai dous anos e unicamente se trata de adaptalos festa a festa, polo que consideramos un despilfarro pagar por preparar algo xa feito” puntualizou.

Debido a isto esta mesma mañá o BNG presentou tanto á Asesoría Xurídica como á Secretaría do Concello de Lugo a solicitude de informes sobre a legalidade e pertinencia desta contratación.

Ademais amosou a sorpresa do seu grupo ao ver a rapidez en que xestionaron esta externalización, cando o actual goberno municipal non se está a caracterizar pola eficacia e rapidez en xestionar outros moitos proxectos de interese para a veciñanza. Entendeu que a rapidez nos diferentes procedementos administrativos necesarios para este tipo de contratación tamén se debe a que case no mes de agosto aínda non moveran un papel nin realizaran ningunha xestión na organización do San Froilán 2013.

 Outros exemplos

Por último, o portavoz do BNG insistiu no esmorecemento da actividade cultural debido á deficiente xestión de Carmen Basadre. Así,  proxectos que nos últimos anos se desenvolveran cun éxito contrastado como foi Vellos Oficios Novos aparecen agora reducidos á mínima expresión. Este proxecto, que se realizaba todas as fins de semana de xullo e agosto e varios de setembro, e que eran un éxito tanto para o turismo que nos visitaba como para os propios lucenses, este ano foi abandonado e relegado a uns poucos días de setembro.

 

ANTÓN BAO CRITICA DURAMENTE A CONTRATACIÓN DUNHA ASISTENCIA TÉCNICA PARA O SAN FROILÁN 2013