O BNG RECLAMA QUE SE TEÑA EN CONTA AO MOVEMENTO ASOCIATIVO NO PROXECTO DO HOSPITAL DE SAN XOSÉ
No día de hoxe a Deputación Provincial aprobou un acordo onde se garante o seu uso público e comézase a traballar para a transmisión dos edificios co Concello de Lugo
Antón Bao celebra que se asegure o uso público do Hospital de San Xosé e reclama protagonismo para o asociacionismo lucense para soñar este proxecto
Lugo, 30 de xullo de 2013. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, celebrou que o Pleno da Deputación de Lugo aprobara o mantemento do uso público do Hospital de San Xosé, así como dos seus terreos. O nacionalista lembrou que o Concello de Lugo, a proposta do BNG xa aprobara unha proposta nesta liña que se ve agora ratificada pola propia Deputación provincial. Bao dixo que coincidindo coa gran maioría do tecido asociativo lucense e a cidadanía, dende o BNG propuxemos que este espazo ten que seguir sendo de uso social e público, xa que se trata dun espazo privilexiado para estes fin descartando de plano calquera venda ou uso privado.
Antón Bao lembrou que se trataba dun éxito do movemento asociativo lucense que, cada un desde as súas posibilidade, organizacións máis grandes e outras máis modestas, persoas a título individual e, como se dixo, diferentes e variados colectivos acreditaron nun proxecto común, que comeza a dar os seus froitos. Neste sentido, o concelleiro do Bloque insistiu en que as administracións implicadas deben contar coas asociacións sociais, culturais, veciñais, da nosa cidade para soñar este proxecto. Así mesmo, solicitou que non se demoren as negociacións e que se poña en marcha o antes posible esa primeira fase que, segundo o aprobado na moción do BNG, sería a creación dun espazo destinado aos movementos e asociacións da cidade, onde eles teñan un dirección protagonista na súa xestión.
Campaña polo uso público do Hospital de San Xosé
Antón Bao lembrou que desde febreiro deste ano desenvolveuse xunto con diversos colectivos e asociacións unha campaña para tratar de abrir un debate social entre a cidadanía lucense sobre o futuro e os usos de este espazo, que derivou en primeira instancia nunha moción do BNG no Concello de Lugo, e que hoxe, co aprobado na Deputación, acadamos un novo paso nos obxectivos fixados.
Segundo explicou Antón Bao o edificio ofrece moitas posibilidades para instalar diferentes servizos e convertelo nun complexo multifuncional. Nesta instalación poderíanse albergar tanto servizos públicos de carácter social como un Centro de Día. Tamén é, para ao BNG, un espazo axeitado para a instalación de locais para uso autoxestionado de asociacións como de locais polivalentes que dinamicen o tecido asociativo lugués, como eles mesmo propoñen