"APOSTAMOS POLA XENTE CON INICIATIVA" DIXO RUBÉN ARROXO
A LEI DE EMPRENDEDORES DO PP PERMITIU A GASOLINEIRA EN CARREFOUR, NOS APOSTAMOS POLA XENTE CON INICIATIVA REMARCOU O CANDIDATO DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS
Apostar pola produción agro-gandeira sostible, o comercio de proximidade e os produtos locais será un dos eixos do programa do BNG-Asambleas Abertas para as eleccións municipais
O candidato do BNG-Asambleas Abertas visitou o Mercado da Terra que se celebra todos os martes no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros
Lugo, 3 de marzo 2015. O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, achegouse a coñecer o Mercado da Terra que se celebra todos os martes no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros. Arroxo, que acudiu acompañado dalgunhas das persoas que conforman a candidatura do BNG-Asambleas Abertas, e quixo coñecer os proxectos da decena de persoas que habitualmente comercializan os seus produtos a través desta iniciativa.
Trátase de proxectos impulsados por persoas con iniciativa e coas cousas claras, estes son os verdadeiros emprededores e emprendedoras dixo Rubén Arroxo que se referiu á necesidade de crear mecanismos, dende o concello, para dar apoio a este tipo de mercados que achegan produtos naturais e de calidade sen intermediarios entre a persoa que os produce e a que os consume. Arroxo dixo que a lei de emprendedores do PP permitiu en Lugo a instalación dunha gasolineira no Carrefour pero non supuxo ningunha mellora para a xente que ten iniciativas sostibles e que apostan polo autoemprego no sector primario.
Segundo Arroxo o concello de Lugo ten un potencial moi importante para xerar este tipo de relación directa entre produtor e consumidor e engadiu que aquí temos a mostra de que é posible facer cousas innovadoras cos recursos propios. Rubén Arroxo destacou o traballo realizado por todos os produtores que nestes anos foron capaces de impulsar e manter este Mercado da Terra. O candidato nacionalista destacou, tamén, de facer do feito de mercar un acto político en alusión á necesidade de implicarse nun consumo consciente e comprometido.
Rubén Arroxo afirmou que está claro que para o concello de Lugo non supón ningún sacrificio económico dar apoio a iniciativas como o Mercado da Terra cando vemos como se despilfarran miles de euros en contratar empresas ou asistencias técnicas para facer traballos que perfectamente poderían facer traballadores municipais. Para o BNG Asambleas Abertas hai que apostar por un novo xeito de facer políticas de fomento do emprego e de desenvolvemento local. Rubén Arroxo apuntou que nos o apoio a este tipo de iniciativas é algo fundamental.