O CHABOLISMO NON PODE TER CABIDA NO CONCELLO DE LUGO DIXO RUBÉN ARROXO
Arroxo interesouse por coñecer as problemáticas que máis preocupan á comunidade xitana que, en Lugo, está estimada nunhas 1.200 persoas
O candidato do BNG-Asambleas Abertas achegouse, xunto con outras pesoas da candidatura, a coñecer o traballo da Fundación Secretariado Xitano
Lugo, 2 de marzo 2015. O candidato do BNG Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, visitou a sede da Fundación Secretariado Xitano para coñecer de primeira man as problemáticas propias deste colectivo que ten en Lugo a súa sede central en Galiza. Arroxo, que acudiu acompañado dalgunhas das persoas que conforman a candidatura do BNG-Asambleas Abertas, interesouse pola problemáticas que máis preocupan á comunidade xitana que, en Lugo, está estimada nunhas 1.200 persoas.
Arroxo dixo que o chabolismo non pode ter cabida no concello de Lugo, nin en ningunha outra zona do noso país por que todas as persoas temos dereito a unha vivenda digna. Segundo Arroxo o problema do chavolismo é un dos que máis preocupa a este colectivo. A eliminación do chabolismo no Caqueixo é posible, trátase de realoxar unhas vinte familias dixo Rubén Arroxo e lembrou que o PP e a Xunta ten as competencias necesarias para acometer este obxectivo. O candidato nacionalista afirmou que o concello de Lugo ten que ser a ferramenta para reivindicar, ante outras administración, a aplicación de políticas para solventar estes problemas.
Rubén Arroxo destacou o traballo realizado polo tecido asociativo neste ámbito e criticou a insuficiencia de políticas de inclusión dende o goberno municipal. O candidato nacionalista destacou, tamén, a importancia da formación reglada para que os menores poidan rematar os seus estudos e optar á consecución dos correspondentes títulos de ESO. Arroxo pediu unha maior implicación da Consellería de Educación para acadar unha normalidade formativa naqueles colectivos que parten dunha situación de desvantaxe social. Na xuntanza participaron asistiron técnicos, xunto co seu responsable en Lugo, e a responsable en Galiza da Fundación Secretariado Xintano.