O BNG-AA anima ás plataformas a utilizar o balcón da casa consistorial para as súas reivindicacións
É positivo que a casa do pobo se poida utilizar para reivindicar as causas xustas que benefician a Lugo e ás persoas que aquí vivimos dixo Rubén Arroxo
O voceiro do BNG-AA comprometeuse a dar apoio a colectivos e plataformas para tramitar a colocación de pancartas reivindicativas no balcón do concello
Lugo, 9 de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, manifestou a súa satisfacción polo feito de que o goberno municipal abra a posibilidade de que plataformas e colectivos poidan utilizar o balcón da casa do concello para facer reivindicacións públicas que vaian en favor dos intereses da cidade e do país. É positivo que a casa do pobo se poida utilizar para reivindicar as causas xustas que benefician a Lugo e ás persoas que aquí vivimos concluíu Rubén Arroxo.
Para o BNG-AA trátase dunha novidade implantada por este goberno municipal, que aplaudimos por que nós sempre apostamos pola participación e por dar visibilidade ás loitas sociais. Arroxo lembrou que o BNG xa tiña solicitado nalgunhas ocasións a colocación deste tipo de faixas reivindicativas mais o goberno socialista de López Orozco sempre imposibilitou facelo.
O voceiro do BNG-AA comprometeuse a dar apoio a colectivos e plataformas para tramitar a colocación de pancartas reivindicativas no balcón do concello. Arroxo dixo que entendemos que a partir de hoxe, o goberno municipal, establecerá un cauce para que se poida solicitar a colocación de pancartas no balcón da casa consistorial.
Unha faixa sobre a figura de Manuel María durante o Arde Lucus
Arroxo anunciou que mañá mesmo solicitaremos, dende o BNG-AA, que durante a festa do Arde Lucus se coloque no balcón da casa consistorial unha faixa sobre a figura de Manuel María e explicou este é o ano no que o día das letras foi adicado a un dos máis grandes escritores galegos co que Lugo ten unha relación moi importante, e o Arde Lucus é unha data perfecta para que os milleiros de visitantes que se achegan á cidade coñezan e recoñezan este nosos poeta nacional.