O BNG-AA dará o seu o apoio a todas as accións que supoñan avanzar no uso do galego no concello
O feito de aprobar unha ordenanza de uso do galego por unanimidade foi un avance na normalización deste concello pero aínda se pode seguir mellorando dixo Maite Ferreiro
Para o BNG AA o seguinte paso ten que ser que o galego se utilice con normalidade en toda a sinaléptica municipal e nas comunicacións internas do concello
Lugo, 13 de maio 2016. Nas vésperas da celebración do día das letras galegas a edil do BNG Asembleas Abertas, Maite Ferreiro, sinalou a necesidade de continuar avanzando na normalización do uso do galego no concello de Lugo. Maite Ferreiro dixo que o feito de aprobar unha ordenanza de uso do galego por unanimidade foi un avance na normalización deste concello pero aínda se pode seguir mellorando. A edil do BNG Asembleas Abertas sinalou que a respecto do uso do idioma cónstanos que hai implicación e compromiso por parte de todos os grupos da corporación e a pesares de ter recibido ataques externos, quedou claro que todos remamos na mesma dirección.
Maite Ferreiro ofreceu o apoio do BNG-AA para todas aquelas accións que supoñan un avance no uso do idioma e felicitou a todo o persoal e funcionariado que cónstanos que se implican cada día dende o seu posto de traballo para que o uso do galego sexa normal nesta administración. Para o BNG AA o seguinte paso ten que ser que o galego se utilice con normalidade en toda a sinaléptica municipal e nas comunicacións internas do concello e tamén nos sinais de tráfico. Ferreiro referiuse a algúns sinais de tráfico nos que as placas informativas están unicamente en idioma español e tamén a algúns sinais que se colocan de xeito temporal para os desvíos da circulación, ou sinais como o que está na entrada do punto limpo do Ceao.
O BNG impulsou no ano 2012, no seu paso polo goberno municipal, a aprobación dunha ordenanza municipal para o uso do galego. Maite Ferreiro destacou que o Concello de Lugo é un Concello cumpridor no uso do galego e engadiu que a aprobación da ordenanza supuxo darlle formalidade ao traballo que xa estaba feito neste eido e supuxo unha garante para os cidadáns no uso do idioma galego nas súas relacións coa administración local.