O BNG-AA propón declarar a Lugo concello libre de touradas
Arroxo afirmou que temos que facer de Lugo un concello do século XXI e sumar esta institución a todas as que están a manifestarse contrarias á este espectáculo da tortura
Con esta declaración o concello de Lugo unirase a outras moitas institucións para abolir as touradas en todo o territorio de Galiza
Lugo, 26 de outubro de 2015. O concelleiro do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, informou hoxe da presentación dunha proposta de declaración institucional para que a corporación local declare a Lugo como concello libre de touradas. Os nacionalistas pedirán a todos os grupos que se unan a esta iniciativa para que o concello inste a Xunta e Goberno do Estado a que inclúan nas súas normativas correspondentes o desenvolvemento das iniciativas lexislativas necesarias para abolir as touradas en todo o territorio de Galiza.
Rubén Arroxo afirmou que temos que facer de Lugo un concello do século XXI e sumar esta institución a todas as que están a manifestarse contrarias á este espectáculo da tortura. As empresas e asociacións que viven deste espectáculo continúan a percibir inxentes subvencións dende diferentes administracións, cartos que en moitos casos estaban destinados a un fin totalmente diferente.
O concelleiro nacionalista dixo que o concello de Lugo non pode ser alleo a unha postura maioritaria e emanada directamente do pobo, debendo tomar as medidas necesarias para impedir que os cartos públicos, o diñeiro de todas e de todos, ou a propia imaxe da institución non remate apoiando espectáculos baseados no maltrato animal. Rubén Arroxo sinalou que esta iniciativa está incardinada nunha campaña levada a cabo en toda Galiza por diversas asociacións contrarias ao maltrato animal.