Visitamos Pontevedra para coñecer o sistema de mobilidade implantado nesta cidade
Nunha visita, promovida polo BNG Asambleas Abertas, a comitiva lucense puido coñecer as claves que converteron a Pontevedra nunha cidade multipremiada pola súa transformación
Rubén Arroxo destacou que o éxito reside na inversión de prioridades, xa que agora a persoa prevalece sobre o vehículo
Lugo, 27 de outubro de 2015. Representantes do colectivo Masa Crítica, Lugo Monumental, Federación Galega de Comercio, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Asociación Lusco e Fusco, UNAVE, ADEGA, Centro Comercial Aberto Lugocentrum e concelleiros de Cidadans, PP e BNG Asembleas Abertas foron recibidos polo alcalde de Pontevedra, membros da corporación e técnicos municipais para coñecer o proxecto de mobilidade implantado polo BNG na cidade de Pontevedra.
Na, visita promovida polo BNG Asambleas Abertas, a comitiva lucense puido coñecer as claves que converteron a Pontevedra nunha cidade multipremiada pola súa transformación. Tanto o alcalde pontevedrés, o nacionalista Miguel A. Fernández Lores, como os técnicos municipais e o xefe da policía local fixeron un percorrido polo proxecto posto en marcha no ano 1.999 que tiña como obxectivo facer de Pontevedra unha cidade para as persoas.
Rubén Arroxo destacou que o éxito reside na inversión de prioridades, xa que agora a persoa prevalece sobre o vehículo e engadiu que puidemos comprobar como este proceso de transformador converteu a Pontevedra nunha cidade máis dinámica e con máis vida, na que a reforma urbana conduciu a un calmado do tráfico. Arroxo destacou o dato que reflexa a efectividade deste modelo de mobilidade nos últimos anos non existen mortalidade por atropelos e o número de accidentes é anecdótico.
Unha serie de medidas como a implantación de aparcadoiros disuasorios, a obrigatoriedade de circular a 30 km/h, a creación de rotondas de calmado do tráfico, a plataforma única, os estacionamentos rotatorios e un traballo de concienciación social fixeron que Pontevedra recibise nos últimos anos un importantísimo número de premios de caracter internacional. Rubén Arroxo afirmou que moitas destas medidas son transladables a Lugo pero ten que facerse de xeito progresivo e tendo claro cal é o modelo de cidade que queremos.
Despois de recibir as explicacións dos técnicos municipais e do xefe da policía local os visitantes fixeron un percorrido pola rúas de Pontevedra para coñecer, in situ, as reformas físicas que permitiron a implantación deste modelo de mobilidade. Un modelo que permitiu dar solución aos problemas de aparcamento e converteu a cidade nunha das de maior calidade de vida do estado español e Europa.