Rosana Pérez pide en Lugo que se reforcen ás liña ferroviarias de cercanias
A deputada do congreso participou, tamén, nunha asamblea aberta para dar conta do traballo feito polo BNG no congreso dos deputados en Madrid
Lugo, 28 de outubro de 2015. A deputada do BNG no congreso dos deputados presentou unha iniciativa no congreso encamiñada a reclamar ao goberno do estado unha mellora das comunicacións con Lugo a través do ferrocarril. Entre as iniciativas dos nacionalistas está solicitar ao goberno central que inicie os estudos correspondentes para proxectar nun prazo coherente liñas ferroviarias de conexión entre Lugo e Compostela e entre Lugo e A Mariña.
Ademais os nacionalistas solicitan do goberno central que se artellen os mecanismos necesarios para dotarnos de liñas de tren frecuentes e rápidas para unir as cidades de Lugo e da Coruña e de Lugo e de Ourense polo trazado xa existente. Rosana Pérez sinalou que "Lugo solo dispón de 3 conexións diarias coa Coruña e unha única con Ourense a velocidades propias de mediados do século pasado".
Rosana Pérez criticou o desmantelamento dos servizos ferroviarios sufrido nos últimos anos e sinalou que "A solución non pasa por poñer liñas de alta velocidade por todas as cidades, liñas de alto custe, grave impacto ambiental e dunha utilidade absurda para unir distancias inferiores aos 300km, senón que precisamos vertebrar Galiza a través de trens de cercanías para poder achegarnos dunha forma rápida, barata, ecolóxica e segura aos diferentes núcleos de poboación do país, e dende aí termos liñas de comunicación de alta velocidade co resto de territorios europeos"
Conexións coa Mariña e Compostela
Cómpre lembrar que hai xa 140 anos se introducía no Plan de Ferrocarril unha liña que uniría Lugo coa Mariña e á súa vez Lugo con Marín. Case século e medio despois estas propostas quedaron abandoadas e sería fundamental de cara a unir Lugo co eixo cantábrico. Outra liña que leva décadas no debate, e que dende logo sería moi necesaria, é a que uniría Lugo con Compostela e á súa vez nos poñería en conexión directa co Eixo Atlántico Galego e con Portugal a través deste transporte.
Asamblea Aberta
A deputada do BNG participou nunha asamblea aberta que se celebrou no centro social Maruja Mallo e na que deu conta do traballo feito no congreso. Rosana Pérez destacou "a importancia para Galiza de contar cun grupo parlamentario propio" e dixo "que a vindeira lexislatura será fundamental para que Galiza non perda estatus respecto a outros territorios do estado".